El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Economí­a

PROXECTOS AUDIOVISUALES

A Agadic convoca 200.000 euros en axudas

24-06-2017 13:33:32

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación abriu a súa convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega cunha dotación de 200.000 euros, contía que supón un incremento do 8% respecto ao ano anterior.

Enmarcada no programa de axudas públicas da Xunta ao sector audiovisual galego, esta liña de apoio diríxese especificamente a favorecer a posta en marcha de novas longametraxes cinematográficas e de produtos televisivos, apoiando economicamente os traballos previos ao proceso de produción.

A través desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude manterase aberto ata o 17 de xullo, a Agadic acompaña as produtoras independentes galegas desde o mesmo momento en que comezan a preprodución dos seus próximos traballos, nas seguintes modalidades: longas, series e miniseries de ficción para cinema e televisión; longas cinematográficas e series de animación; documentais para cine e televisión, e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.

Xa cara á súa posterior rodaxe, postprodución e chegada ás pantallas, estes mesmos proxectos poderán presentarse nos anos seguintes ás subvencións da Xunta para produción e coprodución audiovisual, así como a outros fondos estatais e europeos.



Novidades

Ademais do incremento orzamentario, a convocatoria deste ano introduce unha serie de novidades respecto á consideración dos gastos subvencionables, aproximando estes criterios aos seguidos por outras convocatorias internacionais de similares características. Así, teranse en conta gastos relativos aos dereitos e asesorías relacionadas co guión ou concepto, de persoal, da produción en desenvolvemento, gastos xurídicos e de asesoramento contable, e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos.

Outras das novidades teñen que ver coa posibilidade de que cada solicitante poida resultar beneficiario destas subvencións para un máximo de dous proxectos, así como co incremento ata o 75% do orzamento subvencionable sobre o total do proxecto.

A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión puntuará cada unha das solicitudes de acordo co baremo detallado nas bases. Así, entre os criterios de valoración teranse en conta a calidade e orixinalidade do guión; a traxectoria da produtora, do director e do guionista; a viabilidade do proxecto e a súa potencial internacionalización, ademais da súa contribución ao fomento do sector audiovisual galego e da cultura e lingua galegas.


Dez proxectos subvencionados en 2016

En 2016, un total de 10 produtoras independentes galegas resultaron adxudicatarias destas subvencións para a preprodución de sete proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais, dúas longametraxes e miniseries de ficción para televisión e un proxecto de serie de animación.

As bases desta convocatoria, que poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, especifican que para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a presentación telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe xestionarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias