El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación e a Real Academia Galega poñen en común iniciativas para o futuro da lingua

14-07-2017 17:42:50
Reunión da Deputación e a Real Academia Galega.

O presidente e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei, mantiveron co novo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, unha primeira reunión en que puxeron en común diversas liñas de colaboración para contribuír a afortalar o futuro da lingua e a cultura galega. 

A sede da Deputación da Coruña acolleu hoxe a primeira xuntanza do presidente e vicepresidenta, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín con Víctor F. Freixanes desde que tomou posesión do cargo de presidente da Real Academia Galega. Na xuntanza, que se desenvolveu na sede da Deputación da Coruña, participaron tamén o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e a tesoureira, Marilar Aleixandre. 

O presidente da Deputación destacou a “longa traxectoria de colaboración” entre ambas entidades e felicitou a Freixanes pola súa nova responsabilidade á fronte da RAG “unha institución centenaria, da que nos sentimos orgullosos, e que ao longo da súa historia se caracterizou sempre polo seu traballo a prol da cultura galega”. 

González Formoso lembrou tamén que Víctor Freixanes foi o primeiro autor que gañou o premio de narrativa Torrente Ballester, o máis prestixioso de cantos convoca cada ano a Deputación, cunha obra en galego: “A Cidade dos césares”, editada en 1992. 

A vicepresidenta e responsable de Normalización Lingüística, Goretti Sanmartín Rei, puxo sobre a mesa os avances que nesta área se desenvolveron nos dous últimos anos de goberno, en especial, fixo fincapé na Ordenanza de usos do galego que se aprobou no pasado pleno e que suporá un importante cambio na presenza da nosa lingua na institución. “Estamos sentando as bases para que se fomente a utilización do galego desde todas as áreas e o compromiso ten un punto de inflexión coa aprobación da Ordenanza de usos do galego”, explicou. 

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, agradeceu a “sensibilidade” que amosa a Deputación da Coruña, unha das institucións que “colabora con maior compromiso” no funcionamento da Real Academia Galega. 

A Deputación da Coruña colabora no financiamento das actividades da Real Academia Galega a través dun convenio que se asinará proximamente e que supera os 60.000 euros. Entre outros programas, participa nos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para persoas de fóra de Galiza, “Galego sen Fronteiras” , na elaboración do Estudo sociolingüístico que avalía as competencias e usos lingüísticos na infancia e no proxecto “Primavera das letras”, unha páxina web que fornece de contidos didácticos e lúdicos á comunidade escolar arredor do Día das Letras Galegas. Deputación da Coruña e Real Academia Galega, xunto co Museo do Pobo Galego, conmemoraron o pasado ano o centenario do nacemento das Irmandades da Fala, en especial por medio da gran exposición  “Saúde e Terra, irmá(n)s!” que visitou as sete cidades galegas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias