El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Sociedad

PROGRAMA RURALIZARTE!

A Xunta fomenta o rural galego e o talento xuvenil

15-07-2017 13:23:48

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe aos rapaces e rapazas que están a participar nas xornadas de convivencia creativas celebradas ao abeiro da segunda edición do programa Ruralizarte! da Xunta de Galicia.

Estes encontros están orientados como master class coa implicación de artistas galegos. Están destinadas a un total de 14 mozos e mozas entre os 12 e os 17 anos que, divididos en dous grupos de convivencia, compartirán durante catro días experiencias nos albergues xuvenís de Melide –do 12 ao 16 de xullo,a primeira quenda- e de Palas de Rei –do 28 de xullo ao 1 de agosto, a segunda-. Os dous grupos xuntaranse no albergue de Riós do 10 ao 14 de agosto para participar no décimo festival de artes escénicas que se celebra en Riós, momento no que os mozos e mozas amosarán o aprendido durante as convivencias. Na presentación tamén estiveron presentes a alcaldesa de Melide, Dalia García, e o director creativo das xornadas, Rubén Riós.

Ruralizarte! busca fomentar a creatividade e talento xuvenil, potenciar o rural galego, promover e desenvolver a intelixencia emocional e as capacidades artísticas, así como apoiar a adquisición de competencias e capacidades dos máis novos en disciplinas escénicas como as artes plásticas, a interpretación, a música e o baile.

Cecilia Vázquez, destacou que achegar ferramentas que axuden ao impulso do talento dos mozos é unha das máis firmes apostas da Xunta de Galicia, e puxo como exemplo o programa Xuventude Crea, posto en marcha hai 11 anos para mozos e mozas de 17 a 30 anos de idade. Neste caso, o programa Ruralizarte! céntrase en potenciar a creatividade desde idades máis temperás co fin de “abrirlles unha porta para que experimenten coas súas habilidades e descubran as súas potencialidades artísticas, quen sabe se tamén profesionais nun futuro, á vez que se divirten, estimulan a súa curiosidade e aprenden a diseccionar a realidade que lles rodea, neste caso a do mundo rural”, explicou.

Así mesmo, para a responsable do departamento autonómico de Xuventude esta iniciativa tamén aportará aos participantes unha experiencia na que aprenderán a compartir e a cooperar así como valores como a implicación en proxectos e a responsabilidade, que son algunhas das habilidades que lles servirán no seu futuro persoal e profesional como cidadás activos e que son a base das apostas xuvenís, de participación e de voluntariado do Goberno galego.

Cómpre destacar que esta experiencia permite tamén aos nenos e nenas participantes coñecer diferentes iniciativas de emprendedores no rural. Estes explican os seus proxectos, que recibiron axudas de Medio Rural a través das liñas de incorporación de mozos e mellora de explotacións, para ilustrar aos asistentes sobre as alternativas de futuro que ofrece o noso agro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias