El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA

Educación garante que o profesorado dos centros reorganizados non terá que desprazarse de localidade

18-07-2017 20:05:53

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comunicou hoxe na mesa sectorial do ensino non docente que os centros que acollen alumnado froito da reorganización acometida – nomeadamente o CEIP de Outes, o CEIP A Magdalena (As Pontes), o IES Moncho Valcarce (As Pontes), o IES O Ribeiro (Ribadavia) e o IES Ribeira do Louro (O Porriño)- terán incremento do profesorado para dar resposta ás necesidades derivadas desta nova situación polo que, se así o desexan, ningún docente terá que cambiar de localidade. En calquera caso, aínda está por fixar o cupo de profesores de cada centro.

Os docentes que tivesen destino definitivo para o vindeiro curso 2017/18 no CEIP Emilio Navasqüés (Outes), no CEIP Plurilingüe Serra de Outes, no CPI Monte Caxado (As Pontes), no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia e no CPI da Ribeira do Louro (O Porriño), adscribiranse con carácter definitivo aos novos centros ou pasarán á situación de docentes suprimidos ou desprazados por falta de horario, podendo en todo caso permanecer nun centro educativo da mesma localidade.

A decisión de adscribirse con destino definitivo aos novos centros será tomada polos propios docentes, e a prioridade para facelo virá determinada pola praza da que son titulares e polo Decreto 140/2006, polo que se determinan os criterios de perda do destino definitivo polo persoal funcionario docente. En calquera caso, non poderán renunciar a ela se quedasen prazas sen cubrir da súa especialidade


Diversas opcións

Respecto do profesorado que non quede adscrito con destino definitivo aos novos centros na especialidade que viña exercendo, poderá optar por adscribirse a prazas doutra especialidade da que sexan titulares e na que haxa vacantes nese mesmo centro receptor. Ademais, se un profesor da súa especialidade que teña destino definitivo nalgún dos centros receptores opta voluntariamente por trasladarse, poderán ocupar a súa praza.

Así mesmo, poderán optar por quedaren suprimidos ou desprazados por falta de horario, podendo exercer a docencia nesa mesma localidade se así o desexan. En todo caso, manterán para todos os efectos a antigüidade xerada no seu centro de orixe, á cal se engadirá o tempo transcorrido como suprimido ou desprazado.

No referido aos mestres de educación infantil e primaria con destino definitivo a 1 de setembro de 2017 nos CPI que se transforman en CEIP, quedan adscritos definitivamente ao novo CEIP, mantendo tamén para todos os efectos a antigüidade xerada no seu centro de orixe.


Mellora das condicións

Con esta reorganización do profesorado garántese que melloran as condicións educativas dos centros reorganizados, dunha banda incrementando a estabilidade dos seus cadros de persoal – coa incorporación de máis persoal con destino definitivo- e, por outra, permitindo ofertar máis itinerarios ao alumnado.

Ademais, cómpre salientar que a distribución do profesorado faise tendo en conta as necesidades educativas de cada caso e cubríndoas e respectando as rateos de alumnado.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias