El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación prevé rematar a Residencia Universitaria da Coruña no transcurso do curso 2017-2018

18-07-2017 20:50:37
Visita as obras da Residencia Universitaria.

A Coruña.- A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, acompañada do deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamento, Xesús Soto, ademais de persoal técnico responsábel da obra, visitaron as obras que albergarán as dúas residencias no centro Calvo Sotelo que estarán rematadas no transcurso do vindeiro curso.

Na visita, Goretti Sanmartín e Xesús Soto comprobaron o estado das obras e a súa execución e avaliaron tamén os prazos que continúa nas previsións de remate ao longo do curso 2017-18. Segundo os prazos marcados, a residencia do IES Calvo Sotelo, que estará composta por 28 cuartos, 25 duplos e 3 adaptados individuais, estará rematada para comezos do vindeiro curso mentres a Residencia Universitaria Elvira Bao, con 60 habitacións, todas duplas menos 2 que son individuais adaptadas, estará pronta para habitar no segundo cuadrimestre do curso.

“Estanse a cumprir os prazos para poder axilizar o máximo posíbel as obras de maneira que podamos iniciar o curso coa residencia do IES operativa e a universitaria moi avanzada”, explicou Goretti Sanmartín na visita ás obras nas que, segundo sinalou, “xa se pode apreciar a calidade das instalacións, son dúas residencias modernas, adaptadas aos nosos tempos, que procuran ademais a autonomía das persoas usuarias”.

A vicepresidenta da Deputación da Coruña lembrou que “a construción da residencia responde a unha demanda histórica da comunidade universitaria e completará o mapa de equipamentos pasando páxina pola condición da Coruña como única cidade sede de Universidade que carecía de residencia pública”. Ao tempo, Goretti Sanmartín, afirmou que a nova instalación “saldará outra débeda máis, a de recoñecemento que existe con Elvira Bao, mestra que residiu neste mesmo barrio e que foi represaliada polo seu compromiso coa liberdade”. 

A Residencia do alumnado do IES Calvo Sotelo está, segundo se puido comprobar, en avanzado estado, en proceso de instalacións de pavimentos e alicatados de baño na planta cuarta, a que máis adiantada se atopa. Con respecto aos cuartos do segundo andar, a obra xa ten adiantadas as distribucións de espazos e instalacións de fontanería, climatización e saneamento.

En canto á Residencia Universitaria Elvira Bao na planta segunda están as habitacións compartimentadas e na primeira xa se efectuaron as demolicións pertinentes que tiveron que agardar a fins de xuño a que o alumnado rematase o curso. En total son trinta cuartos por planta, un adaptado en cada un dos andares cun total de 58 prazas. A Universidade da Coruña será a encargada da xestión da residencia, equipamento e persoal.

A Deputación da Coruña realiza para as obras unha achega orzamentaria de preto de 1,8 millóns de euros para a reforma integral para as dúas residencias. As obras repártense en dúas fases, dotadas con 680.496 e 1.08.461 euros cada unha que se investirán na reforma das 60 habitacións situadas no primeiro e segundo andar e a habilitación de 28 máis. Cada dependencia ten unha superficie aproximada de 20 metros cadrados, contando con armarios empotrados e baño propio con dous lavabos, ducha e retrete. Os traballos inclúen tamén a demolición dos baños comunitarios e a súa transformación en zonas comúns de convivencia, ocio e traballo.

As actuacións inclúen tamén a reforma integral de instalacións de calefacción, iluminación, ventilación, fontanería e saneamento. Para a mellora da eficiencia enerxética, renovarase a caldeira e instalarase un panel solar de 2 metros cadrados ademais de adaptar a iluminación a lámpadas de baixo consumo. 

As obras mellorarán tamén a accesibilidade do edificio coa incorporación dunha rampla de acceso e a adaptación do ascensor, garantindo a circulación de persoas coa mobilidade reducida. O proxecto inclúe a creación dun novo acceso ao edificio desde a praza situada ao leste, fronte ao Museo Nacional da Ciencia e a Tecnoloxía (MUNCET).





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias