El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

EN VILALBA

O PPdeG celebrará o Día de Galicia realizando unha ofrenda floral ante o busto de Manuel Fraga

19-07-2017 14:09:28
Miguel Tellado.

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, avanzou que este venres o PPdeG celebrará o Día de Galicia realizando unha ofrenda floral na localidade de Vilalba ante o busto do fundador do partido, Manuel Fraga Iribarne, situado na súa vila natal. Neste acto Tellado tamén estará acompañado polo presidente de Nuevas Generaciones, Diego Gago, a presidenta provincial, Elena Candia, e o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. 

Tellado lembrou que os populares levan anos dispostos a celebrar o Día de Galicia con actos que van máis alá do plano das administracións nas que teñen presenza. “O que queremos é honrar a figuras que entendemos que foron clave na construción da nosa terra tal e como hoxe a coñecemos, persoas que teñen contribuído a facer de Galicia o que hoxe somos como país”, asegurou. 

 Nese senso, o número dous do PPdeG asegurou que “nos tempos que vivimos, de ensoñacións independentistas e nacionalismos que queren copiar aos populismos, resulta máis necesario ca nunca reivindicar un galeguismo aberto, cordial, centrado e responsable”. Así, salientou a importancia de defender un galeguismo que en vez de encerrarse en si mesmo sexa capaz de mirar ao exterior, que non busque a confrontación, senón a cooperación cos territorios; e que procure construír unha terra con futuro e con oportunidades para todos os seus habitantes. 

“Con ese espírito traballou Manuel Fraga e con ese espírito traballamos todos os que agora mesmo formamos parte deste partido. E así o percibe unha gran maioría de galegos e galegas, que nos dan cita tras cita electoral unha confianza maioritaria ao proxectos que tivo e ten o PPdeG para a nosa terra”, manifestou Tellado. 

 De igual modo, sinalou que os populares consideran que moitos máis galegos poden sentirse identificados coa figura do presidente Fraga e co legado que nos deixou do que se sentirán coas persoas ás que homenaxearán outros partidos. 

 Sen ir máis lonxe, Tellado apuntou que Beiras e os seus compañeiros de Anova “traerán aos seus amigos da CUP e de Bildu para intentar copiar a algo tan pouco relacionado cos intereses dos galegos como o secesionismo vasco e catalán”. “Esta semana volvemos ver a un Beiras que pasou de apoiar a Villares a conspirar contra el”, engadiu. 

Neste sentido, o secretario xeral precisou que haberá moita xente que nalgún momento apoiou ás Mareas de Podemos que non debe estar conforme con que no seu partido se dividan “entre os que o seu único interese é aventurarse en proxectos separatistas e os que o seu único interese é converterse en tresmileuristas, despois de intentar ter chófer e secretaria en vez de traballar por Galicia e polos galegos”. 

“Por iso, unha vez máis, ver a situación na que se encontra a oposición e as verdadeiras posicións que defenden os que se din nacionalistas anímanos a seguir esforzándonos de verdade en parecernos á Galicia real, traballar por ela e seguir honrando aos que traballaron por ela antes ca nós”, afirmou Tellado. Deste xeito, concluíu admitindo que os populares seguirán traballando por unha Comunidade na que o presuposto medra en 230 millóns porque hai boa xestión, na que o paro baixou un 10% no último ano e tamén que medra no plano económico cun PIB que crece en torno ao 3%.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias