El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

EN OUTUBRO

En marcha o Novo Barrio da Residencia en Lugo

19-07-2017 17:16:47
Núñez Feijóo e Fátima Báñez.

Lugo.- O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou que en outubro se licitarán os proxectos básico e de execución para o Centro Integral de Saúde, o centro de formación e emprego, o centro de emprendemento vinculado ao sector aeronáutico e a planta de distribución de biomasa, algunhas das instalacións coas que contará o Novo Barrio da Residencia de Lugo.

En total, o proxecto contará cun investimento inicial de 21 millóns de euros. Ademais, deixa a porta aberta e reserva un espazo para a instalación dunha nova comisaría de policía, para o que se está dialogando co Ministerio do Interior. O presidente recalcou que un proxecto así, de “enorme calado urbanístico, social, económico e para os servizos públicos”, só é posible grazas a que “a economía cambiou o seu signo”.

Feijóo asinou xunto á ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, un protocolo para a reasignación dos usos do antigo hospital Xeral, que é da titularidade da Seguridade Social, cuxos máximos responsables se desprazaron tamén ata Galicia. Por iso, o presidente da Xunta agradeceu o “máximo compromiso” da ministra e do seu equipo e destacou que este proxecto é froito da colaboración entre as administracións estatal e autonómica.

O presidente describiu “algún dos aspectos máis innovadores” do proxecto, que inclúe servizos sociosanitarios, un pulmón verde e servizos de fomento do emprendemento e do emprego. Respecto ás dotacións de uso sanitario e social, puxo en valor os servizos do futuro Centro Integral de Saúde, que contará cun moderno centro de atención primaria, servizos de fisioterapia e atención á muller, un Punto de Atención Continuada, atención á saúde mental e a base do 061. Ademais, o Novo Barrio da Residencia incluirá unha nova residencia de maiores con 120 prazas públicas e que xerará 75 novos postos de traballo, en cumprimento dun dos compromisos electorais coa cidade de Lugo.


Pulmón verde, innovación e formación

Feijóo referiuse ao novo parque público que se situará neste recinto e que fará desaparecer a “muralla” que antes supuña o recinto onde estaba o Xeral e que dividía en dous o barrio da Residencia. Ademais, o Novo Barrio da Residencia contará tamén cunha “planta de distribución de enerxía limpa con petróleo galego: con biomasa”. Grazas a esta instalación, todos os edificios poderán cumprir cos estándares europeos de emisións cero á atmosfera.

Por último, o espazo do vello Xeral tamén acollerá un Centro Público de Innovación e unha Oficina de Emprego e Formación. O primeiro, outro dos compromisos electorais para a cidade, estará vinculado ao sector aeronáutico e buscará sinerxías co polo de avións non tripulados de Rozas. O segundo concentrará os servizos que ofrecían todas as oficinas de emprego de Lugo, converténdose nun “centro de creación de oportunidades laborais”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias