El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Xunta crea a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021

21-07-2017 08:07:27

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, avanzou onte a creación da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 co fin de convertelo no mellor Ano Santo da historia de Galicia. Neste senso, o Goberno galego aproveitará a dobre vantaxe que ofrece o contexto actual: hai marxe para poder preparalo de xeito tranquilo e concienciudo e a situación económica pode ser ostensiblemente mellor que a do Xacobeo 2010.

Logo de lembrar que o Camiño de Santiago ten cada vez máis tirón, o xefe do Executivo galego asegurou que a Xunta afronta a organización do Xacobeo 2021 coa esperanza de que marque unha década na comunidade e sexa un revulsivo no que poidamos consolidar Galicia como destino único, espiritual e turístico e poidamos poñer en valor a nosa imaxe a nivel nacional e internacional.

Con este dobre obxectivo, nace a Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, un órgano que se dedicará con estabilidade e permanencia a preparar o evento e que facilitará que todos os departamentos da Xunta e do resto de administracións e institucións implicadas traballen de xeito coordinado.

Así, as súas funcións serán, entre outras: coordinar as actuacións das diferentes administracións públicas actuantes, en especial a Xunta de Galicia e os concellos galegos; aprobar o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 e os diferentes Plans Operativos Anuais de desenvolvemento; aprobar a marca e o logo do Xacobeo 2021; buscar patrocinadores privados; propoñer as exencións fiscais aplicables a estes patrocinadores privados; elaborar e aprobar a programación do Xacobeo e traballar na difusión deste evento.

Segundo destacou Feijóo, o Xacobeo é unha ocasión inigualable porque reforzará un dos nosos mellores embaixadores, o Camiño de Santiago, e actuará como un dinamizador de primeira no ámbito relixioso, no cultural e no económico. Trátase dunha oportunidade histórica e, por tanto, non se debe dilatar a súa preparación, senón que vai centrar os esforzos do Goberno galego desde este momento.


A composición da Comisión Organizadora Xacobeo 2021

Este novo órgano estará composto por un presidente, que será o titular da Xunta; un vicepresidente primeiro, que será o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; un vicepresidente segundo, que será a directora de Turismo de Galicia; varios vogais procedentes de diferentes consellerías e organismos da Xunta con competencias, así como representantes do Concello de Santiago de Compostela, do Arcebispado e dos concellos polos que pasan os camiños de Santiago. Ademais, haberá un secretario con voz e sen voto procedente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A Comisión, que estará adscrita á Presidencia da Xunta, tamén nomeará de entre os seus membros unha comisión executiva de oito membros entre os que estarán os vicepresidentes.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias