El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Ao redor de 25.000 peregrinos percorren cada ano o Camiño de Santiago en bicicleta

23-07-2017 17:46:45

A directora de Turismo, Nava Castro, participou hoxe na entrega de premios da Gaes Pilgrim Race, unha proba de mountain bike iniciada en Madrid hai unha semana e que chegou a Santiago de Compostela tras percorrer o Camiño de Inverno, un dos últimos itinerarios xacobeos en ser recoñecidos oficialmente.

Precisamente Nava Castro sinalou que cada ano ao redor de 25.000 peregrinos realizan o Camiño de Santiago en bicicleta, unha das opcións validas para obter a Compostela, xunto á peregrinación a pé, a cabalo, en cadeira de rodas ou a vela a través dunha ruta náutica. No cómputo xeral da peregrinación, a piques da celebración do 25 de xullo, Castro lembrou que xa se superaron os 140.000 peregrinos, o que supón preto dun 9% máis que hai un ano.

A iniciativa deportiva da Gaes Pilgrim Race contou coa participación de preto de 90 inscritos, que combinaron a competición coa vivencia propia do Camiño de Santiago. O grupo estivo formado por unha ampla diversidade de persoas, entre eles rostros populares da televisión e das redes sociais como Santi Millán, Javi Sancho, Raúl Doctore, Diego Sarasketa, Valentí Sanjuan e Horacio Cabilla, e tamén un colectivo de persoas con discapacidade funcional.

“Formades un grupo diverso, como o son en xeral os peregrinos, cada un coa súa bagaxe ás costas e as súas motivacións persoais”, declarou a directora ante os membros da Gaes Pilgrim Race, ante quen afirmou que este feito representa “un dos factores que enriquecen a peregrinación a Compostela, co intercambio constante entre persoas e culturas”.


Experiencia totalmente inclusiva

Nava Castro lembrou ante eles, nun acto celebrado no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, os compromisos plasmados no novo Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago. Con este documento, presentado a semana pasada e incluído na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a Xunta aspira a converter Galicia nun referente internacional do turismo accesible e a facer da ruta xacobea unha experiencia totalmente inclusiva.

Despois de analizar nos últimos meses etapas, albergues, establecementos de hospedaxe e restauración ou puntos de interese turístico, obtivéronse conclusións que permiten afrontar os retos e as oportunidades precisas para acadar os obxectivos. Así, traballarase de xeito simultáneo en eidos variados como as melloras na sinalización, a adaptación de instalacións e contornas, a formación dos profesionais do sector ou a sensibilización da poboación.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias