El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

NOIA

Turismo de Galicia colabora co xeodestino Ría de Muros-Noia

08-08-2017 18:24:31
Convenio Xunta e o xeodestino Ría de Muros-Noia.

Noia.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou hoxe un convenio coa presidenta da Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, María Teresa Villaverde, para impulsar os diferentes recursos cos que conta esta zona. A colaboración entre a Xunta e o xeodestino Ría de Muros-Noia servirá para a creación de novos produtos e experiencias turísticas e a súa promoción, ademais doutras actividades de apoio para a potenciación deste xeodestino da provincia da Coruña.

Nava Castro, que estivo acompañada neste acto do delegado territorial da Xunta en A Coruña, Ovidio Rodeiro, explicou as accións que se desenvolverán ao abeiro do convenio asinado para dinamizar e fomentar a riqueza desta ría a través do fomento da actividade turística, o que dá continuidade a colaboracións pasadas. A directora lembrou, ademais, a importancia de contribuír á sensibilización da poboación local na tarefa de preservar os recursos naturais, culturais e enogastronómicos e darlles un correcto enfoque turístico.

En concreto, no marco deste convenio crearase un pase de visitas para os museos de toda a ría. Os visitantes poderán selalo nos propios museos e tamén nos equipamentos culturais dos concellos do xeodestino e, ao final, poderán recibir un agasallo se cumprimentan un en cada municipio. De xeito paralelo, prevese impulsar unha ruta de sendeirismo, para o que se establecen os pasos precisos para súa configuración, mantemento ou xestión, e traballarase para concretar un Centro BTT, que se incorporaría ás catro existentes en toda Galicia e que permitiría aos amantes da bicicleta todoterreo gozar da paisaxe desde outra perspectiva.

O acordo, polo que Turismo de Galicia aporta 40.000 euros, contempla un terceiro produto, vinculado este ao turismo industrial. Neste sentido, aproveitaranse as factorías costeiras con forte arraigo na cultura local da ría como salazóns, conserveiras, carpinterías de ribeira ou minas de wolframio, con itinerarios por mar e por terra para achegarse ata este patrimonio.


Programa de formación estable

A promoción tamén ocupa unha parte destacada do convenio, coa reedición de 10.000 unidades dun catálogo de actividades e doutros materiais e a súa distribución. Entre as accións previstas, atópase así mesmo a confección dun arquivo fotográfico, a asistencia a feiras cun stand e o deseño dun programa estable de formación, que sirva de complemento á Escola itinerante promovida polo Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).

Como lembrou Nava Castro, estas iniciativas contribuirán a acadar os obxectivos marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta deseñada entre o Goberno galego e o sector para potenciar a mellorar os recursos naturais e culturais con dúas premisas claves, a calidade e a sustentabilidade, ata acadar a cifra de 6 millóns de viaxeiros nese período.

Nesta Estratexia teñen un papel importante os xeodestinos, tanto desde o punto de vista da xestión como da promoción. Serven para especializar cada un dos destinos, potenciando os seus recursos endóxenos, diversificando así a oferta turística galega o que a posiciona como un destino multiexperiencial. Estes xeodestinos constitúen áreas ou espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos recursos naturais, culturais e patrimoniais, con capacidade suficiente para xerar fluxos turísticos e que, xunto coa súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias