El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA

Os beneficiarios das axudas de Medio Rural para industrias agroalimentarias duplicáronse este ano no sector cárnico

10-08-2017 13:55:41

Os beneficiarios das axudas de transformación e comercialización da Consellería do Medio Rural para industrias agroalimentarias incrementáronse este ano no sector cárnico nun 130% respecto do exercicio anterior, pasando de 10 en 2016 a 23 na convocatoria actual. Estes proxectos suporán un investimento de 15,8 millóns de euros no rural galego, o que demostra o aumento do interese por este sector. De feito, o orzamento destas iniciativas creceu un 21,35%, sendo de 2,8 millóns de euros máis que o ano anterior.

En total, son 144 empresas de diferentes sectores as beneficiarias este ano por esta orde de axudas para industrias agroalimentarias. O investimento previsto é de 74,6 millóns de euros e a subvención ascenderá a 23,9 millóns de euros.

Así o anunciou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, nunha visita á sede de Torre de Núñez en O Corgo (Lugo). Esta empresa é unha das beneficiarias destas axudas e recibirá 1,3 millóns de euros para dous proxectos de acondicionamento e melloras técnicas nas súas instalacións, que suporán un investimento total de 3,9 millóns de euros. Entre elas salienta a construción dunha nova nave para almacenamento de xamóns, pensada para dar cabida á produción con vistas aos próximos dez anos. Non é a primeira vez que a compañía recibe este tipo de axudas. A Xunta xa contribuíu no seu momento á implantación dunha liña de embutidos en rebandas, para comercializar produtos con novas formas de presentación.

A titular de Medio Rural destacou a contribución de Torre de Núñez ao sector galego da carne e a súa longa traxectoria de máis medio século. Lembrou que hoxe este grupo empresarial emprega 140 persoas e factura uns 22 millóns de euros anuais. Estes datos, dixo a conselleira, amosan o dinamismo do sector en Galicia, que se move tamén grazas á cantidade de mozos que se están incorporando ao mundo rural neste eido produtivo. Así, dos 618 que recibiron axuda na convocatoria de 2016, un total de 213 (o 34,5%) incorporáronse ao sector cárnico.

Pola súa banda, o director xeral de Torre de Núñez, José Manuel Núñez, deu tamén a coñecer neste acto os plans de futuro da empresa, aproveitando a presenza da conselleira e da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.


A empresa

Torre de Núñez comeza a súa produción hai 50 anos iniciando a distribución dos seus elaborados cárnicos. Nos anos 80 comeza un proceso de expansión coa construción do primeiro centro de elaboración en Conturiz. Os traballos desta compañía céntranse no secado de xamóns, elaboración de embutidos coma o lombo, o chourizo ou o salchichón, salazóns, elaborados cárnicos e rebandado de produtos curados. A súa distribución dáse polas principais cadeas de supermercados e hipermercados de España e dende o 2016 comezou a súa internacionalización. Hoxe o 10% da súa facturación anual corresponde a países da Unión Europea.

A raza escollida para a súa produción é a Duroc, de porcos norteamericanos cunha parte ibérica, para que haxa máis cantidade do animal que proporciona unha infiltración graxa que fai á peza mellorar a súa calidade e o seu sabor. A produción de xamón, cunha curación mínima de 14 meses, inclúese dentro da Especialidade Tradicional Garantida (ETG) Jamón Serrano e da marca de garantía Galicia Calidade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias