El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Más noticias

A CORUÑA

O Concello posibilita a penetración do transporte metropolitano

21-09-2017 20:24:36


A Coruña.- O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, vén de confirmar que o Concello da Coruña conta cos recursos necesarios para comezar a primeira fase de implantación do Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano ao Centro Urbano da Coruña. Tal e como destacou este xoves o edil, o goberno local ofreceu á Xunta, nunha nova xuntanza técnica da Comisión de Seguimento da implantación do Plan celebrada hoxe, a posibilidade de introducir os autobuses interurbanos na praza de Pontevedra, unha proposta que a Consellería de Infraestruturas rexeitou “por non dispoñer dos medios técnicos precisos que require a primeira fase de acceso”. Segundo expón o responsable municipal, a
Dirección Xeral de Mobilidade, “que segue sen presentar a súa proposta de programación de implantación”, renunciou a comezar o acceso polo eixo que xa está habilitado, o corredor de Arteixo, “porque non todos os autobuses están adaptados tecnoloxicamente, e prefiren pospoñer a
penetración ata finais do mes de outubro, unha vez estea instalada a marquesiña de Entrexardíns”, que debe realizar a administración autonómica. 

“A xuntanza desta mañá puxo de manifesto que a Xunta de Galicia aínda non está preparada para levar a cabo o seu propio plan”, expón o edil, “posto que nin entregou a programación para a posta en marcha do proxecto, nin é capaz de xestionar e coordinar a implantación do Sistema de Axudas á Explotación (SAE) nos autobuses interurbanos“. Segundo explica Díaz Grandío, o SAE “é unha adaptación tecnolóxica necesaria para poder avaliar os indicadores acordados tanto polo Concello como pola Xunta na Comisión”. “Estes datos son necesarios para poder facer un seguimento e avaliar a implantación do Plan nesta fase, e a institución responsable de facer que todos os autobuses metropolitanos teñan este sistema é a Consellería de Infraestruturas”, insiste. 

Ademais desta falta de adaptación tecnolóxica, “o goberno local segue sen coñecer”, segundo afirma o concelleiro, a programación de implantación do Plan de Accesibilidade, “unha proposta que hoxe debía estar sobre a mesa e que supón un punto indispensable para acordar a data de inicio da penetración”. 

“A Dirección Xeral de Mobilidade aínda non transmitiu a súa programación, a pesares que se deben validar diversos aspectos para determinar se esta fase é abarcable ou non para o municipio e, a continuación, poder fixar unha data de acceso”, asevera. A ollos do titular da área de Mobilidade Sostible, neste tempo o goberno local “seguiu, desde a lealdade institucional, a folla de ruta marcada pola comisión conxunta”, e lembra que ten preparadas tanto as obras ás que se comprometeu nas paradas da Palloza, como os corredores de acceso desde Arteixo e a ría. “Nós xa temos os nosos deberes feitos. As últimas actuacións, a ampliación da beirarrúa e adaptación da parada de Entrexardíns, son as que acordou asumir a Xunta que xa poden acometer porque dispoñen da licenza”, sinala. 

A este respecto, o goberno local xa amosou a súa disposición para mediar entre as dúas empresas contratistas que desenvolverán os traballos en Entrexardíns -a que está a realizar as obras de canalización por parte do Concello e que realizará os labores correspondentes á Xunta- e coordinar as actuacións de ambas, á fin de habilitar o espazo preciso nesta vía para que a Consellería poida iniciar as actuacións de instalación de elementos prefabricados para a ampliación da beirarrúa que permitirá o paso peonil e facilitará a espera das persoas usuarias dos buses metropolitanos, e adiantar así os seus tempos de execución. 

“Esta mañá mostramos, de novo, a vontade do goberno local de colaborar, polo ben da cidadanía, entre as dúas administracións. Fixemos constar o interese do Concello por facilitar que a Xunta poida iniciar, canto antes, as actuacións en Entrexardíns para que, cando remate a obra de canalización, os prazos de execución sexan mínimos e a parada de autobús estea habilitada antes de que remate o mes de outubro”, apunta o responsable municipal de Mobilidade Sostible. 

O concelleiro lembra que as obras que o goberno local está a acometer en Santa Catalina e Entrexardíns, “unha actuación importante de cara á mellora da sustentabilidade ambiental na cidade”, avanzan “a bo ritmo” e “seguindo os fitos do plan de obras, nun prazo de execución negociado para que as intervencións sexan o máis áxiles posibles”. Os traballos, cun prazo de execución de 33 días, estarán rematados na primeira quincena de outubro. 

“A obra de Entrexardíns estaba programada pola área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda desde o pasado mes de abril, pero para levar a cabo a súa execución foi necesario agardar a que remataran as obras en Orillamar. Como sabemos nos concellos, e tal e como debería saber a conselleira de Infraestruturas, as actuacións no espazo público teñen un impacto sobre a mobilidade, e é por isto que desde o goberno local se coordinan unhas coas outras, para minimizar o impacto que poidan ter sobre a cidadanía”, sinalou Díaz Grandío, quen se referiu á actuación como “unha intervención complexa e custosa”, e que permitirá mellorar substancialmente a separación de augas pluviais e fecais dende San Andrés até Monte Alto, “algo esencial para que a depuradora de Bens funcione mellor e de maneira máis eficiente, con menor consumo enerxético e impacto ambiental”, explicou. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias