El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

NOS ÚLTIMOS SEIS ANOS

A produción de castaña galega aumentou en máis de 235 toneladas

24-09-2017 08:26:57
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, clausurou onte no concello ourensán de Verín a xornada técnica ‘A importancia da castaña na montaña ourensá’, onde destacou que a produción deste froito amparado pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia aumentou excepcionalmente nos últimos anos, pasando de 5,6 toneladas no 2010 ás 241 do pasado exercicio.

Uns datos que converten a Galicia na principal produtora de castaña a nivel nacional, cun valor económico estimado superior ao medio millón de euros no ano 2016 e cunha previsión para a colleita deste ano tamén moi optimista, tanto pola cantidade como pola calidade do froito. Neste senso, a conselleira salientou o traballo que se fai desde o consello regulador para que as cifras vaian en aumento ano tras ano, coa axuda do Goberno galego que achegou nos últimos anos unha axuda de preto de 300.000 euros.

Precisamente, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez apoia este tipo de produción desde diversos ámbitos, como son as axudas a castiñeiros para froito, tanto para colaborar nos gastos de plantación forestal como para subvencionar infraestruturas de acompañamento como peches e carteis, que contou cun orzamento na última convocatoria de máis de 2,6 millóns de euros.

Por outra banda, creouse a Mesa da Castaña, co fin de estudar e impulsar medidas que contribúan ao fomento, promoción e mellora deste froito. Tamén se pretende, con esta ferramenta, promover e dar apoio ás iniciativas do sector e contribuír ao coñecemento por parte da sociedade da auténtica dimensión do sector da castaña en Galicia.


IXP Castaña de Galicia

A IXP Castaña de Galicia resérvase aos froitos obtidos a partir dos cultivares autóctonos galegos do castiñeiro europeo (Castanea sativa, Mill.) destinados ao consumo humano e comercializados en fresco ou conxelado. Ten amparados a 143 produtores ubicados, preferentemente, na montaña lucense e na zona oriental da provincia de Ourense cunhas 1.040 hectáreas de superficie produtiva.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias