El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

ESTE MÉRCORES

Galicia afronta os retos do cambio demográfico nun foro do Parlamento Europeo

25-09-2017 19:11:32

Bruxelas.- Galicia participa este mércores nun evento no Parlamento Europeo sobre o papel que a demografía debe xogar na futura política de cohesión, onde o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa como moderador neste foro de debate en Bruxelas. A sesión contará coa intervención de Michael Schneider, relator do Comité Europeo das Rexións (CdR) para política de cohesión.

A conferencia deste mércores no Parlamento Europeo está organizada pola rexión polaca de Opole. Trátase dun territorio cunha gran relación con Galicia, que mantivo desde 1999 acordos de colaboración e irmandamento coa nosa comunidade. Cómpre salientar que a colaboración con Opole ten sido fundamental para a internacionalización das empresas galegas en Polonia. As dúas rexións comparten, xunto con outras que participan tamén no evento de Bruxelas como Castela e León e a alemá Saxonia-Anhalt, a preocupación pola perda de poboación.


Os retos do cambio demográfico

O cambio demográfico é un dos maiores desafíos aos que se enfronta a Unión Europea, aínda que existen importantes diferenzas entre os estados e mesmo entre rexións dun mesmo estado. Entre os factores que inflúen na perda de poboación atópanse o envellecemento, a diminución do número de mozos e unha taxa de natalidade inferior á de mortalidade. Ademais, apréciase un patrón de transvasamento de poboación das áreas rurais ás urbanas.

Galicia encadea 29 anos con máis defuncións que nacementos. Segundo datos do INE no ano 2016 somos a 3ª CCAA con peor saldo vexetativo despois de Asturias e Castela León. Esta tendencia, unida á alta esperanza de vida dos galegos (82,7 anos) contribuíu a que Galicia se sitúe no posto 22 do ránking de idade media de entre as 417 rexións e comunidades de todo o continente, situándose nos 46,7 anos. A nivel provincial, Ourense tamén ocupa altos postos (30º), sendo a provincia galega con maior idade media, seguida de preto de Lugo, coa Coruña e Pontevedra a certa distancia.


Iniciativas de Galicia para paliar os efectos negativos

O cambio demográfico constitúe un problema europeo, polo que é necesario debater posibles solucións en foros internacionais como os deste mércores. A Comunidade de Galicia intervén activamente en diferentes redes e foros a nivel nacional e europeo, como a Macrorrexión de Rexións do Suroeste Europeo (RESOE) na que tamén participan a Rexión Norte e a Rexión Centro de Portugal e as comunidades autónomas de Castela e León, Asturias e Cantabria. Galicia tamén forma parte da Rede Europea de Rexións afectadas polo Cambio Demográfico (DCRN), un grupo informal formado por oficinas rexionais de toda Europa con base en Bruxelas que están interesadas nos impactos do cambio demográfico.

A nivel nacional, Galicia traballa en rede dende o ano 2013 coas comunidades de Asturias, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura, Castela e León a través do Foro de Rexións con Desafíos Demográficos (FREDD). Un foro ao que en febreiro de 2016 se sumaban as comunidades de Cantabria e A Rioxa. Pola súa banda, a principios de 2017 na Conferencia de Presidentes de Comunidades Autónomas, Galicia conseguiu incorporar este asunto á axenda política estatal, dando lugar á creación dun Comisionado específico para o reto demográfico.

A propia Xunta de Galicia desenvolve medidas para combater o despoboamento, entre as que destaca o Programa de apoio á natalidade (PAN) Unha planificación ampla e global que persigue dar resposta ás necesidades as nais e dos pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo. O PAN contempla tres grandes áreas de actuación: servizos (PAN-Servizos), fomento da conciliación (PAN-Concilia) e axudas directas (PAN-Axudas).

Neste sentido, o Goberno galego impulsou axudas como a Tarxeta Benvida, unha axuda económica para as familias destinada a colaborar cos gastos derivados do nacemento ou da adopción dun fillo ou dunha filla, e cuxa contía ascende a 1.200 euros, a razón de 100 €/mes durante o primeiro ano de vida do neno/a; as deducións fiscais por nacemento, adopción ou coidado de fillos; exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo; as Casas Niño, para a atención de nenas e nenos de ata tres anos nos núcleos rurais do territorio da Comunidade autónoma de Galicia nos que non exista ningún outro recurso de atención continuada para este tramo de idade ( en 2016 se poñían en marcha as primeiras 30 Casas Niños cunha oferta total de 150 prazas e xa está en marcha unha nova convocatoria para 2017); o Bono Coidado, un recurso complementario de apoio ás familias para a atención e coidado puntual no domicilio familiar dos e das menores de 3 anos, cando circunstancias imprevistas e debidamente xustificadas impidan ou dificulten a súa realización ás persoas que habitualmente desenvolven esta función ou axudas para a redución de xornada destinadas a familias monoparentais.

A Xunta tamén está a promover o incremento da rede pública de escolas infantís ata conseguir 22.439 prazas, o que supón unha ratio de cobertura do 38% e sitúa a Galicia cinco puntos por riba da taxa recomendada pola Unión Europea. O obxectivo é loitar contra o despoboamento das zonas rurais, atraendo poboación nova ao territorio e poñendo en marcha políticas de emprego compatibles coa familia e coa cohesión interxeracional.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias