El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Más noticias

A CORUÑA

Ethel Vázquez demanda un cambio de rumbo no Concello da Coruña

27-09-2017 19:35:24
Ethel Vázquez, no Parlamento de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, demandou hoxe un cambio de rumbo no Concello da Coruña para facilitar os proxectos da Xunta na cidade e permitir que os autobuses cheguen ao centro canto antes.

A conselleira lamentou que o Concello actúe como un “muro de contención” ante os investimentos do Goberno autonómico, dificultando a construción de pisos sociais no Parque Ofimático e a estación intermodal e bloqueando tamén a ampliación de Alfonso Molina que promove o Ministerio de Fomento.

En resposta a unha pregunta parlamentaria, destacou os esforzos da Xunta por poñer en marcha o Plan de acceso do transporte interurbano ao centro da Coruña co máximo consenso para responder á demanda dos veciños da comarca, que poderán chegar ao centro urbano en transporte público en menos tempo e sen transbordos.

A conselleira sinalou que este plan beneficiará tamén á cidade da Coruña, ao procurar un maior uso do transporte público nunha urbe que sufre importantes retencións de tráfico na actualidade.

Na primeira reunión da Comisión Bilateral para o seguimento do plan, celebrada o 22 de xuño, a Xunta comunicoulle ao Concello que, de cumprir este os prazos previstos para a autorización das licenzas nas paradas de praza de Ourense e Entrexardíns, as obras de adecuación poderían estar rematadas en xullo. Isto permitiría iniciar a implantación do plan en agosto coas liñas que entran polo corredor leste, desde a zona de Oleiros, unha proposta que non aceptou o Concello, alegando que non lle parecía oportuno dar comezo á primeira fase durante o verán e que debería iniciarse co inicio do curso escolar.

A titular de Infraestruturas explicou que cando a Xunta ía comezar as obras da parada de Entrexardíns, o día 3 de agosto, atopouse con que a rúa ía ser levantada por mor dunhas actuacións de saneamento do Concello, que se prolongarán ata o mes de outubro. Estes feitos aconteceron sen previo aviso, sen nin sequera terse mencionado na reunión anterior.

Ethel Vázquez agarda que non se produzan máis sorpresas por parte do Concello e poida botar a andar este plan, que ten como principal obxectivo incrementar o uso do transporte público na cidade da Coruña e na súa contorna, mellorando a mobilidade dos veciños e contribuíndo á desconxestión do tráfico e á redución da contaminación.

A Xunta impulsou o plan coa fin de mellorar a conectividade do transporte interurbano co urbano e incrementar a comodidade dos viaxeiros, xa que implica un menor número de transbordos e unha redución dos tempos de viaxe, facendo moito máis atractivo o transporte público para gran parte dos usuarios.


Folla de ruta

O Goberno galego comezou a traballar xa no ano 2015 no deseño do Plan de accesibilidade, someténdoo a dous procesos de información pública e aprobándoo definitivamente no mes de xuño pasado.

Partiuse dunha minuciosa análise do total de fluxos de transporte público que acceden á cidade da Coruña; e delimitouse logo para permitir a entrada dos autobuses procedentes unicamente dos municipios que teñen unha maior relación de mobilidade coa urbe, beneficiando a 12 concellos.

A Xunta acordou cos concellos criterios obxectivos para seleccionar as liñas de autobús interurbano que accederán ao centro. Así pois, aplicando estes criterios de selección e dialogando con todos os municipios implicados, finalmente estableceuse que serían 43 as liñas que modificarán o seu percorrido de entrada e saída da cidade co obxectivo de prestar un servizo máis útil e atractivo para os cidadáns.

Tamén se acordaron os puntos de parada máis acaídos, para responder ás necesidades dos viaxeiros e á mellor conexión co transporte urbano, en función da orixe das expedicións, para o cal se definiron tres corredores de entrada: Corredor Oeste, para aqueles autobuses que proceden de Arteixo, no que se prevén dúas alternativas en función de se acceden pola avenida de Finisterre ou pola de Arteixo; Centro, para os autobuses que proceden da zona de Culleredo; e Leste, procedente de Oleiros e que aglutina o maior número de expedicións.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias