El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Economí­a

Galicia recibe do Estado 1,1 millóns de fondos aprobado na Conferencia Sectorial de Agricultura

02-10-2017 20:21:37

Galicia recibirá do Estado un total de 1.155.681 euros correspondentes ao último reparto de fondos aprobado na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural celebrada hoxe en Madrid e á que asistiu a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Segundo explicou a titular do departamento autonómico, estes fondos destinaranse á mellora gandeira e sanidade animal, sanidade vexetal, razas autóctonas e ao fomento do consumo de leite nas escolas.

Con respecto á mellora gandeira, a partida aprobada esta tarde para Galicia ascende a 435.692 euros, sendo a de maior contía por comunidades autónomas. Os fondos corresponden á liña de actuación relacionada co control oficial do rendemento leiteiro. Tamén no eido da gandaría, Galicia vai recibir 263.399 euros para financiar os traballos de erradicación das enfermidades animais, incluíndo a loita contra doenzas como a tuberculose bovina e as indemnizacións por sacrificio obrigatorio tras o diagnóstico de diferentes doenzas do gando.

A Conferencia Sectorial aprobou tamén a asignación de fondos para a ordenación, fomento e conservación das razas autóctonas gandeiras, un reparto no que Galicia vai recibir outros 159.000 euros. Este orzamento destinarase a adaptar a normativa ao novo regulamento comunitario sobre a materia. O obxectivo desta lexislación é garantir a uniformidade da súa aplicación en toda a UE e promover o libre comercio de animais reprodutores e do seu material xenético. Esta norma, que será de aplicación a partires do 1 de novembro de 2018, contén, entre outras, regras relativas ás obrigas de criadores e asociacións de gandeiros, funcionamento dos libros xenealóxicos, realización de control de rendementos, recoñecemento de asociacións de criadores e aprobación de programas de cría.

En relación coa prevención e loita contra pragas vexetais neste 2017, Galicia percibirá 139.802,44 euros, co que a cifra total destinada á nosa comunidade para este fin supera os 1,5 millóns de euros. Estes fondos destínanse ao control de organismos nocivos como o nematodo do piñeiro, a couza guatemalteca da pataca ou a psila africana dos cítricos, entre outros.


Leite nas escolas

Por outra banda, nesta reunión tamén se deu luz verde a unha achega para Galicia de 146.168 euros, que se destinarán a fornecer o programa de fomento do consumo de leite nas escolas. No presente curso escolar 2017-2018 a nosa comunidade benefíciase dunha axuda total de 1 millón de euros neste eido. Trátase de fomentar a alimentación saudable dos máis cativos, subvencionando a distribución do leite nos centros escolares para frear o descenso no consumo destes produtos entre a poboación infantil e inculcarlles bos hábitos alimenticios.


Consello Consultivo

A conselleira do Medio Rural asistiu tamén á xuntanza do Consello Consultivo de Política Agrícola que serve para preparar a próxima reunión de ministros da UE do vindeiro 9 de outubro. Neste encontro abordáronse cuestións relacionadas coa evolución dos mercados agrícolas, o uso de produtos fitosanitarios ou a PAC despois do ano 2020, en especial no que atinxe ao apoio á incorporación de agricultores novos, un asunto de especial interese para Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias