El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

DURANTE O MES DE OUTUBRO

Comeza a tempada outonal dos trens turísticos para gozar do termalismo

03-10-2017 08:30:24

A tempada outonal dos Trens Turísticos de Galicia vén de comezar estes días coas primeiras saídas programadas dos trens turísticos nos que os participantes poderán achegarse durante este mes de outubro ás cidades de Ourense, A Coruña e Lugo para gozar nunha viaxe dun día dos variados recursos que ofrecen, incluíndo unha sesión termal en cada unha das tres cidades.

Tras as primeiras saídas do tren Lugo romano e Descubrindo A Coruña a pasada fin de semana, para este sábado 7 de outubro está prevista a viaxe inaugural de Ourense termal e de compras, partindo desde Santiago de Compostela, aínda que existe a posibilidade de facelo desde A Coruña e Vigo.

O itinerario inclúe unha completa visita guiada polo centro histórico, para facilitar as compras polo comercio de proximidade, así como unha parada nas termas de Outariz, para gozar das propiedades das augas da que é a segunda potencia termal de Europa. Tras a saída deste sábado 7, os interesados en subir ao tren Ourense termal e de compras terán unha segunda oportunidade para facelo o 21 de outubro.

A tempada outonal dos trens turísticos, inclúe tamén unha nova saída do tren Descubrindo A Coruña. Será o sábado 14 de outubro, nun itinerario que parte desde Santiago de Compostela, aínda que existe a posibilidade de achegarse desde Vigo e Ourense. Esta ruta inclúe un percorrido polo paseo marítimo, deténdose na Torre de Hércules –Patrimonio Mundial- e unha visita pola cidade vella. Os participantes poderán achegarse, ademais, ao monte San Pedro e rematar gozando das instalacións de Termaria-Casa da Auga.


Billetes xa á venda

Para coñecer Lugo a bordo dos trens turísticos de Galicia, a data prevista será o vindeiro sábado 28 de outubro. O itinerario Lugo Romano terá saída desde A Coruña, aínda que tamén se poderá partir desde Santiago de Compostela. Inclúe visitas á Casa dos Mosaicos e ao Centro de Interpretación da Muralla, que é tamén Patrimonio Mundial, ademais de poder gozar dunha sesión de termalismo no Balneario de Lugo.

Os billetes para todas estas rutas da tempada outonal dos trens turísticos de Galicia xa poden adquirirse a través da web de Renfe e nas estacións, con prezos de 40 euros para adultos, 20 para nenos e descontos para grupos. Os interesados atoparán toda a información na páxina web de Turismo de Galicia, www.turismo.gal. Ao poder gozar en cada unha das rutas dunha sesión termal, aconséllase que as persoas participantes leven gorro, calzado axeitado e roupa de baño.

Estas propostas forman parte da iniciativa, levada a cabo por Turismo de Galicia, Renfe e o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), que vén de circular durante este verán pola Comunidade galega cun gran éxito de público, con 45 saídas entre xuño e setembro e preto de 2.000 persoas a bordo. Trátase dunha oferta xa consolidada na Comunidade galega que, como novidade este ano, prosegue este outono con estas novas rutas que permiten achegarse a tres destinos urbanos durante o mes de outubro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias