El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

XARDÍNS DE MÉNDEZ NÚÑEZ

A Coruña acolle a derradeira actuación de "Vive o Camiño"

13-10-2017 20:29:18

A Coruña.- O ciclo Vive o Camiño chega mañá o seu fin cunha derradeira parada na cidade da Coruña. Tras percorrer todos os concellos do Camiño Inglés e do Camiño de Fisterra-Muxía con gran éxito de público nos dous últimos meses, o programa de artes escénicas despide esta edición cunha actuación nos Xardíns de Méndez Núñez, a partir das 12,00 horas, de balde e a disposición de toda a cidadanía.

Vive o Camiño, protagonizado polos actores Fran Rei e Isabel Risco e o cantante Caxade, é unha iniciativa de promoción e dinamización dos itinerarios xacobeos, que nesta ocasión tivo como escenario as dúas rutas nas que Turismo de Galicia centra os seus investimentos este ano co obxectivo de melloralas cara ao Xacobeo 2021. Con esta proposta, as rúas e prazas do Camiño de Santiago énchense de música e teatro, espallando o seus valores tanto entre os peregrinos e viaxeiros como entre os veciños das diferentes localidades atravesadas.

A cita de mañá sábado, que terá lugar nos emblemáticos xardíns da cidade herculina ao aire libre, comezará coa obra titulada Dous no Camiño, interpretada por Fran Rei e Isabel Risco e dirixida por Avelino González con texto de Roi Vidal e Xurxo Barcala. A continuación, será a quenda do concerto de Caxade, que presentará un proxecto persoal ao redor do folk-pop.

Na mesma liña de Dous no Camiño, Fran Rei e Isabel Risco levaron a cabo nestas semanas unha animación, de creación e dirección propia, nas contornas dos albergues públicos, onde interactuaron cos cidadáns e cos peregrinos. Esta animación narra as aventuras de Atanasio e Teodoro, os dous discípulos do apóstolo Santiago que levaron polo mar os seus restos ata Galicia, onde agora se atopan perdidos despois dunha viaxe no tempo de moitos séculos. As modernidades que ven sorpréndenlles, pero ao mesmo tempo descobren que o esencial do Camiño de Santiago, a natureza, paisaxes e monumentos que lles rodean, non mudaron.


Actuacións de mellora

De xeito paralelo a este ciclo, nos últimos meses estanse a executar actuacións de mellora, sinalización e recuperación no Camiño Inglés e no Camiño de Fisterra-Muxía, como parte dos compromisos do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago presentado hai dous anos. Dáse resposta así ao incremento de peregrinos, que este ano superan xa nun 8% as cifras récord acadadas o ano pasado, garantindo unha experiencia acorde ás expectativas.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias