El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA

A Xunta incrementará o persoal dos xulgados especializados en cláusulas chan da Coruña e Vigo

13-11-2017 19:06:42
O vicepresidente, Alfonso Rueda, en Madrid.

Madrid.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que se incrementará o persoal de reforzo dos xulgados especializados en cláusulas chan da Coruña e Vigo, con dous funcionarios máis para cada un deles.

Así o adiantou hoxe o vicepresidente tras a reunión da Comisión de coordinación entre o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas con competencias na materia, onde reiterou de novo o compromiso da Administración autonómica galega a colaborar e apoiar dentro das súas competencias as decisións que tome o CXPX, dotando aos xulgados do persoal de reforzo que sexa solicitado polo poder xudicial.

Os 4 novos funcionarios da Coruña e Vigo sumaranse aos 3 que xa estaban traballando actualmente en cada un destes xulgados especializados. Con esta medida, Galicia sitúase por encima da media do resto das comunidades autónomas en materia de reforzo.

Ademais, o vicepresidente agardou que, en consonancia co esforzo que está a facer a Xunta, o Ministerio tamén aumente os seus medios nestes xulgados, sempre que así o decida o CXPX. Actualmente, en Galicia xa hai practicamente 5.000 casos de cláusulas chan, que se atopan especialmente concentrados nos xulgados da Coruña e Vigo, con máis de 2.000 casos en cada unha destas cidades.

O obxectivo da reunión de hoxe era precisamente avaliar o funcionamento destes xulgados e dar cumprimento tamén así ao acordo acadado de facer xuntanzas de seguimento tras a súa posta en marcha.

No seu momento, o CXPX decidiu especializar un xulgado por provincia para atender, de maneira exclusiva pero non excluínte, todos os casos que fosen entrando nesa provincia. Pola súa banda, a Xunta sempre defendeu establecer uns sistema similar ao posto en marcha polas preferentes, que se corresponde tamén coa demanda dos xuíces galegos. En calquera caso, a Xunta acatou e respecta a decisión do CXPX, polo que se seguirá colaborando para apoiar o labor deste xulgados. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias