El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

CINE E TELEVISIÓN

A Agadic subvenciona con 200.000 euros a posta en marcha de 11 novos proxectos

15-11-2017 18:27:15

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación acaba de adxudicar 200.000 euros en axudas a 11 novas propostas de cinema e televisión ao abeiro da última convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais. Impulsaranse así os traballos previos á produción de catro longas cinematográficas de ficción e dúas documentais, así como de catro series televisivas en imaxe real e unha de animación, todas elas promovidas por produtoras galegas.

Os títulos e empresas adxudicatarias este ano, que poden consultarse en www.agadic.gal/axudas, son After, de Frida Films; Garbo, o espía que enganou a Hitler, de Portocabo; Melita, de Abano Producións; O vello e o can, de Caladiño Filmes; Tres flores sen piedade, de CTV; Unha casa en Amargura, de Ficción Producciones; Ultramar e Veinte, de Vaca Films, na modalidade A para proxectos de ficción cinematográficos e televisivos; Cores, de Ladybug Films, na categoría B para animación; e Kevin vs. Ray, de Pulsa Control Z; e Letters Through the Wall, de Fon Cortizo, na C para documentais.

Deste xeito, a Xunta acompañará economicamente as produtoras na preprodución destes traballos cara á súa futura rodaxe por parte de realizadores como Oliver Laxe, Dani de la Torre, Also Sisters, Rafa de los Arcos, Miguel Conde ou Fon Cortizo, entre outros. Para a súa materialización, estes títulos poderán optar tamén á convocatoria anual de subvencións para produción e coprodución audiovisual, que en 2017 distribuíu dous millóns de euros entre 12 títulos, así como a outros fondos estatais e europeos.


Futuras películas

After é unha das longas de ficción que contan con axuda da Agadic para iniciar o seu desenvolvemento. Trátase dun proxecto de coprodución internacional, encabezado pola galega Frida Films, a partir dun guión de Oliver Laxe, quen será tamén o seu director. O filme será rodado entre Galicia, Andalucía, Marrocos e Mauritania.

Abano ten prevista a produción de Melita, un dos cinco proxectos seleccionados no Coprodution Forum Uk/Iberoamérica do Festival Internacional de Cine de Guadalajara (México) e o Raindance Film Festival (Reino Unido). As directoras desta película serán Also Sisters, pseudónimo das irmáns galegas radicadas en Estados Unidos Sonia e Miriam Albert Sobrino. Pola súa banda, Caladiño Films presentou O vello e o can, que será a primeira longametraxe dirixida por Rafa de los Arcos, quen en 2014 obtivera unha subvención ao talento audiovisual galego para escribir este guión.

O cuarto proxecto de ficción para cinema é Ultramar, que contará a historia do impulsor da Expedición Balmis para levar a vacina da varíola a América. Con guión de Fernando Navarro e Rafael Cobos, Jaume Collet Serra dirixirá esta longametraxe de Vaca Films.


Series de televisión

Esta produtora coruñesa ten previsto, ademais, introducirse no mundo das series con proxectos como Veinte, proposta de aventuras postapocalípticas baseada nunha idea orixinal de Manuel Loureiro, para a que contará con Paco Plaza na dirección. No mesmo apartado de series de ficción, subvenciónase Garbo, o espía que enganou a Hitler, proxecto de Portocabo con guión de Parxi Azmezcua e dirección de Dani de la Torre. Trátase dun biopic histórico arredor da figura de Joan Pujol, alias “Garbo”, axente dobre na Segunda Guerra Mundial cun papel decisivo no Desembarco de Normandía.

Este título foi presentado publicamente en xuño durante a celebración en Santiago da primeira edición do mercado de series Conecta Fiction, promovido pola Xunta. Neste mesmo encontro, resultou premiado cun acordo de desenvolvemento por parte de TVE o proxecto de Ficción Producciones Unha casa en Amargura, que agora conta tamén con axuda de Agadic. Trátase dunha coprodución entre Galicia, Francia e Cuba, a partir da obra da galega Elisa Vázquez de Gey. Tamén recibe subvención Tres flores sen piedade, de CTV e segundo proxecto de serie de Ghaleb Jaber tras Dalia, a modista. Desta volta, el encargarase do guión e Miguel Conde da dirección.


Documentais

En canto ás longas documentais, Kevin vs Ray afondará na relación con Galicia de Kevin Weatherhill, o líder da banda británica Inmaculate Fools. Pulsa Control Z producirá este traballo dos directores e guionistas Eduardo Herrero e Manuel Lemos, mentres que Fon Cortizo será o guionista e director de Letters Through the Wall. O conflito entre Palestina e Israel centrará este filme, que terá localización en Gaza, Tel Aviv, Barcelona, Nova York e A Coruña e será gravado en galego, castelán, árabe, hebreo e inglés.

Por último, Cores é o proxecto seleccionado na modalidade de animación. Ladybug presentou esta serie en 3D como unha comedia de aventuras para público preescolar, con Ángel de la Cruz no guión e Alejandro Cervantes na dirección. 





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias