El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

GALICIA

A Xunta inspecciona a afectación tras detectarse lindano no Porriño

17-11-2017 19:39:36

Porriño (Pontevedra).- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio elaborará un proxecto para a limpeza e recuperación dos solos afectados pola presenza do composto químico coñecido como lindano na parroquia de Contrasto, no Porriño. Así llo trasladaron os técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Dirección Xeral de Saúde Pública aos veciños durante unha reunión co Concello celebrada esta tarde na localidade pontevedresa.

Durante este encontro, os técnicos da Consellería informaron que os resultados das análises preliminares practicadas na zona indican que hai presenza de lindano por encima dos niveis xenéricos de referencia, no solo da contorna da estrada que atravesa a parroquia porriñesa.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade realizou analíticas nas traídas de auga veciñais de Contrasto, Buraco da Raposa e Pereira e nas que non se detectou presenza de lindano. Tamén se tomaron mostras dos pozos e fontes da zona afectada. Nos pozos de sete vivendas, obtivéronse resultados desfavorables das análises, polo que se declarou a súa clausura preventiva. Así mesmo, recomendouse a clausura de todos os pozos e fontes da zona, independentemente das análises, e que non se consuma a súa auga nin alimentos cultivados neses terreos.

Cómpre destacar que os resultados das mostras actuais, son representativos do momento en que se tomaron, sen poder afirmar que os pozos e fontes con análises favorables non se contaminen unha vez que varíen as condicións climatolóxicas e comece a chover. Por este motivo, a Consellería de Sanidade comprométese a realizar un seguimento e recoller mostras periódicas ata que se habilite un abastecemento alternativo.

Ademais, os servizos técnicos da Consellería de Sanidade están a investigar calquera sospeita puntual en relación aos posibles efectos na saúde dos veciños, por mor dunha posible exposición a lindano tralo inicio das obras de saneamento.

Os representantes do departamento autonómico avanzaron que a Xunta iniciará a redacción dun proxecto para a recuperación e limpeza dos solos despois do Nadal, cando finalice a fase preliminar de investigación, que se segue a desenvolver na zona e que permitirá coñecer a situación real do lindano.

Así, segundo detallaron os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, a investigación exploratoria dará lugar a unha segunda fase cuxos traballos consistirán na realización de perforacións de profundidade variable, en función do terreo, co obxectivo de establecer o volume de solo que será necesario retirar e tratar a través dos xestores correspondentes.

Estas perforacións permitirán, ademais, calcular, organizar e planificar as actuacións e medidas necesarias para a recuperación dos solos nos espazos máis afectados localizados na contorna da estrada, onde se concentra o maior número de vivendas.


Recomendacións sanitarias

Como medida preventiva de carácter xeral, recoméndase a clausura de pozos e fontes da zona, independentemente dos resultados das analíticas, non debendo empregarse esta auga para uso doméstico. Non obstante, se dispoñen dun sistema de desinfección axeitado e non se detectou contaminación, poderíanse considerar de xeito extraordinario como alternativa, limitando o subministro ao período de tempo necesario para ata habilitar outra solución. Lémbrase tamén a conveniencia de non consumir alimentos cultivados na zona afectada.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias