El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA

Feijóo avanza a posta en marcha dunha rede dixital de vixilancia forestal

17-11-2017 19:55:27

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello a posta en marcha dunha rede dixital de vixilancia forestal para apoiar os sistemas de prevención, detección e seguimento dos lumes de xeito que os novos focos poidan detectarse coa máxima rapidez posible.

Logo de lembrar que este sistema xa se puxo en marcha de xeito piloto nos últimos anos, Feijóo explicou que a rede se baseará na instalación de cámaras de videovixilancia dun xeito proporcional á actividade incendiaria de cada lugar. Esta rede despregarase nas infraestruturas das que dispón o operador público de telecomunicacións, Retegal. Nunha primeira fase, instalaranse cámaras en 34 centros de Retegal, que facilitarán cobertura visual de 1,4 millóns de hectáreas, que representan o 48% do territorio galego.

O presidente da Xunta subliñou que nesta superficie se incluirán terreos das 73 parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI), as zonas de alto risco que recolle o Pladiga. “A xestión da rede dixital de vixilancia forestal realizarase a través dunha plataforma tecnolóxica que permitirá a observación remota dos montes desde un centro de control que estará operativo as 24 horas do día”, engadiu, incidindo en que, deste xeito, os axentes e técnicos forestais poderán acceder en tempo real ás imaxes, incluso a través de dispositivos móbiles.

Cómpre subliñar, ademais, que nesta primeira fase se outorgará prioridade ao obxectivo de apoiar a extinción dos lumes. Así, cando se detecte un incendio, o sistema ofrecerá imaxes en directo sobre o xeito no que avanza e as súas condicións e permitirá xeoposicionar o punto exacto que se está a visualizar en cada momento. O obxectivo é que este convenio se asine e se licite no vindeiro mes de xaneiro, de tal xeito que o sistema sexa adxudicado nun máximo de dous meses e medio desde a licitación.

“Esta medida poderá ampliarse con base nas necesidades que detecten os equipos forestais”, explicou. Esta segunda fase perfeccionará a rede ampliando a súa cobertura e incorporando as novas solucións que vaia permitindo a evolución tecnolóxica a través dunha consulta pública ao mercado.

“Hoxe damos, polo tanto, un paso máis na incorporación dos recursos tecnolóxicos ao labor de detección e extinción dos lumes, coa creación dunha rede que ofrece un potencial moi importante e que se irá calibrando en función da avaliación que nos vaian trasladando os equipos de extinción”, abundou.


Paquete de medidas cos concellos

Por outra banda, o presidente da Xunta precisou, na rolda de prensa, que o Consello analizou tamén o paquete de medidas no que están involucrados os concellos e que xa foi presentado pola Consellería do Medio Rural nun encontro coa Fegamp, co obxectivo de que se incorporen como emendas ó Proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas, que está tramitando o Parlamento xunto co Proxecto de lei de orzamentos para o 2018.

Así, Feijóo enumerou e detallou estas 12 emendas, que veñen a complementar ás 30 medidas que anunciou no Parlamento de Galicia a semana pasada e que son as seguintes:

1. Cando os propietarios incumpran a obriga de limpar o monte, as distancias mínimas que establece a lei ou manteñan en estado de abandono predios que fosen concentrados e estes incumprimentos provoquen ou agraven un incendio forestal, os gastos de extinción tamén poderán ser repercutidos aos propietarios na parte proporcional á extensión da súa finca.

2. Incluír nas redes primarias de xestión de biomasa as subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións. De tal xeito que nos cinco metros de perímetro destas instalacións non se poderán plantar especies pirofíticas e deberá xestionarse a biomasa.

3. Incluír nas faixas secundarias de xestión as vivendas illadas en solos rústicos a máis de 400 metros do monte. Na lei actual só se contemplaban as que estaban a menos destes 400 metros de distancia.

4. Ampliar a prohibición de plantar especies pirófitas -basicamente piñeiros, eucaliptos e acacias- en toda a faixa de 50 metros dentro das redes secundarias. Ata o momento, facíanse distincións sobre as obrigas ás que estaban suxeitos estes 50 metros ou os primeiros 30 metros destes 50. Agora elimínanse estas distincións, de tal xeito que non se poderán plantar especies pirofíticas en toda a faixa. Ademais, amplíase a obrigatoriedade de limpar e retirar as especies prohibidas naquelas parcelas de carácter agrario que se atopen sen explotar e poidan ser declaradas en estado de abandono.

5. Adiantarase o prazo para executar as obrigas de xestión da biomasa, que inicialmente estaba establecida para finais do mes de xuño, ata finais do mes de maio.

6. Cando se requira xestionar a biomasa a propietarios de parcelas descoñecidos e ilocalizables, bastará cunha publicación no BOE e no DOG que dará un prazo de 15 días para a súa aparición. A partir dese momento, a Administración poderá entrar a limpar sen necesidade de notificarllo ao propietario.

7. Incautar a madeira que provén da execución subsidiaria da obriga de xestionar a biomasa. Deste xeito, cando sexa a Administración quen limpe o monte, será a Administración quen poida vender a madeira. Se o que se obtén desta venda é superior ao que custou a limpa, o importe restante se incorporará a un fondo de nova creación que permitirá ter sempre cartos dispoñibles para cando a Administración deba limpar o monte.

8. Estableceranse zonas de actuación prioritaria e urxente, nas cales a Administración, tanto a Xunta como os concellos, deberá limpar o monte como execución subsidiaria de xeito inmediato.

9. Ábrese a posibilidade de limpar os montes máis descoidados sen que teña que existir consentimento das persoas responsables nin autorización xudicial, sempre que estas parcelas non teñan a condición de domicilio.

10. Cando un propietario incumpra a súa obriga de xestionar a biomasa das súas parcelas, ábrese a porta a expropiar os predios de titular descoñecido nas que se incumpre a lei, baixo dúas condicións: cando teña que ser a Administración quen limpe o monte en reiteradas ocasións e cando o custo da limpa supere o valor catastral do terreo.

11. Os montes veciñais en man común que non estean sendo explotados poderán ser declarados en estado de grave abandono. Como consecuencia, poderán incorporarse ao Banco de Terras e a súa xestión seralles ofrecida a terceiros que estean dispostos a poñer o monte en valor ata 50 anos.

12. As parcelas que estean a dificultar que as Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) xestionen o monte poderán ser incorporadas ao Banco de Terras ou ben expropiadas para poñelas á disposición das Sofor e que poidan xestionalas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias