El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

GALICIA | TRANSPORTE METROPOLITANO

A Xunta estenderá ao conxunto da comunidade as vantaxes do transporte metropolitano

22-10-2020 16:18:49

O presidente da Xunta, Núñez Feijóo, anunciou hoxe, tras a reunión do Consello, a posta en marcha do proceso para estender ao conxunto da Comunidade as vantaxes do transporte metropolitano a través da implantación da Área de Transporte de Galicia. 

Feijóo aseverou que “estamos facendo a maior reordenación do transporte público interurbano da historia da Comunidades autónoma”, que supón a reorganización de máis de 3.144 rutas de autobuses “cun novo paradigma, cun novo sistema, con beneficios, con descontos e con únicas tarxetas de pagamento”. E insistiu en que “isto suporá un antes e un despois”, xa que se trata duns 18 millóns de viaxes anuais e preto de 2 millóns de transbordos.

Logo de precisar que o documento será sometido a información pública nas vindeiras semanas, cun prazo dun mes para achegar suxestións e co fin de aprobar o texto definitivo no primeiro semestre de 2021, Feijóo avanzou que, unha vez aprobado, a Xunta asinará os convenios cos concellos interesados en adherirse á Área de Transporte de Galicia. Deste xeito, permitirá, segundo explicou o presidente da Xunta, poder “aplicar á xente que non vive en áreas metropolitanas descontos, tarifas e oportunidades que teñen os que viven nas áreas metropolitanas ao redor das cidades de Galicia”.

Feijóo incidiu en que esta Área Única de Transporte prevé “a mesma tarifa para toda Galicia en función exclusivamente da distancia”. Ademais, o sistema de pago será a Tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia, así como a Tarxeta Xente Nova, que permite que os menores de 21 anos viaxen gratis.  

Estas medidas están xa en servizo nas liñas de autobús de toda a provincia de Ourense e da área de Pontevedra e estenderanse de forma progresiva ao resto do territorio. Así mesmo, os concellos que se adhiran a esta nova área poderán contar con outras vantaxes, que agora operan nas Áreas de transporte metropolitano grazas á colaboración de Xunta e concellos como é o caso dos transbordos intermunicipais con custe cero para os usuarios. 

Os concellos que se adhiran contarán unha bonificación de 0,50 céntimos euro no prezo de cada viaxe, que será asumida nun 80% pola Xunta e no restante 20% polo concello. E, de xeito adicional, os usuarios que efectúen no mes un determinado número de desprazamentos, cos mesmos termos municipais de orixe e destino, tamén sumarán unha bonificación por recorrencia.

Feijóo concluíu que “o obxectivo é facer de Galicia un territorio único desde o punto de vista do transporte, ordenar todas as rutas de transporte interurbano na Comunidade Autónoma, facer un prezo de tarifa único por quilómetro, garantir a gratuidade a todos os mozos e mozas de menos de 21 anos e garantir transbordos gratuítos en toda Galicia”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias