SANTIAGO DE COMPOSTELA | A área de Accesibilidade de COGAMI atendeu durante o ano 2020 un total de 63 consultas relacionadas coa temática de accesibilidade, tanto para levar a cabo melloras en espazos privados ou comunitarios, como tamén, para asesorar en espazos públicos.
A maior parte destas consultas trasladadas por persoas con discapacidade ou familiares a través de chamadas telefónicas, de xeito presencial ou por correo electrónico, están relacionadas en como facer un aseo accesible para persoa usuaria de cadeira de rodas; buscan asesoramento sobre uso de ramplas, plataformas elevadoras ou ascensores na zona de acceso a un edificio ou comunidade e tamén procuran información sobre como poder deseñar un itinerario ata un centro escolar accesible.
Dende que inicia en 2003, a área de Accesibilidade de COGAMI ten como función asesorar sobre axudas técnicas e lexislación co obxectivo de humanizar espazos e servizos conforme a criterios de accesibilidade universal. Nestes inicios, o cometido principal era a resolución de problemas na vivenda familiar. Co paso do tempo, ampliouse esta función para ofrecer actualmente un servizo de asesoramento en obras de espazos urbanos en beneficio do conxunto da sociedade.
A participación en grupos de traballo a nivel local, autonómico e nacional, co fin de poder traballar no asesoramento para a mellora da lexislación vixente, é outra das funcións que presenta a área de Accesibilidade de COGAMI. Como exemplo a súa participación no grupo de traballo do Ministerio de Fomento sobre a Orde de accesibilidade nos espazos urbanizados de próxima aprobación, nos Comités Técnicos de UNE traballando na Norma Europea sobre Accesibilidade no entorno construído aprobada por CEN e Cenelec ademais dos elementos de sinalización na edificación, documento que substituirá á norma vixente UNE 17002.
Algúns dos proxectos realizados durante 2020 estiveron relacionados coa mellora na accesibilidade de espazos públicos como os portos de Cangas, Moaña e Bueu para Portos de Galicia; os plans de mellora na accesibilidade nos concellos de Ponteareas, Pontevedra e Barbadás; asesoramento en obra nova no concello de Santiago de Compostela, asesoramento á Consellería de Infraestrutura en obras como o Camiño de Santiago e a Intermodal de Santiago, e tamén na flota de transporte urbano de Barcelona.
Empresas privadas tamén contactaron con COGAMI para seren asesoradas na mellora da accesibilidade, na prestación de servizos como o turismo ou a certificación da accesibilidade de colectores adaptados para a reciclaxe. Nos dezaoito anos de traxectoria da área de accesibilidade de COGAMI lévanse resolto un total de 3.341 consultas sobre como facer habitables para todas as persoas espazos tanto privados como públicos. Departamento de comunicación