As
deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra manterán esta tarde, na reunión
convocada polo Clúster de Turismo de Galicia, a súa proposta de achegar o 1% dos orzamentos das
administracións galegas en 2021 a un fondo común de rescate da hostalaría e instarán
á Xunta a “chegar tamén a este 1% hostaleiro”. As institución provinciais cren
que a rectificación do Goberno galego, que anuncia agora un incremento da súa
achega ata os 75 millóns pola presión do mundo local e do propio sector, segue
sendo insuficiente porque representa só o 0,64% dos 11.663 millóns de orzamento
da administración autonómica.
Este incremento que
agora anuncia a Xunta avala a postura que boa parte das administracións locais
galegas veñen defendendo desde o inicio das negociacións: que a achega autonómica
era claramente insuficiente para atender a un sector que atravesa unha
situación crítica, tendo en conta que é a administración
que ten as competencias e conta cos recursos económicos, e, máis aínda, despois
do peche total do sector que vén de decretar en toda a comunidade autónoma o
Executivo galego.
As institucións
provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra manterán o seu compromiso do 1% cun
dos sectores máis afectados pola pandemia e esperan que a Xunta chegue tamén a
esta porcentaxe na reunión convocada
esta tarde polo Clúster de Turismo de Galicia, á que os representantes das
deputacións acudirán “cos deberes feitos e con vontade construtiva, co
obxectivo de chegar a un acordo de maneira inmediata que responda ás urxencias
do sector”.
Respaldo das cidades
Á fórmula do 1%
hostaleiro reúne cada vez un maior consenso institucional e tamén do sector.
Así, á proposta véñense sumando publicamente nos últimos días as principais
cidades e vilas galegas como A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo ou Lugo,
dispostas a achegar tamén o 1% dos seus orzamentos para este plan de rescate
coordinado en colaboración coa Xunta de Galicia e as deputacións, que elevaría
notablemente o orzamento do fondo ata os 140 millóns de euros cun modelo “xusto
e proporcional”, no que cada administración contribuiría en función do seu
orzamento e que eliminaría burocaria e simplificaría a tramitación das axudas
ao tramitarse a través dunha única solicitude. Departamento de comunicación