El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Internacional

PORTUGAL

Ana Miranda participa na Contracimeira Social de Porto

As accións convocadas teñen o obxectivo de denunciar a falta de ambición da Unión Europea en política social.

08-05-2021 20:00:45
Ana Miranda, portavoz do BNG en Europa.

PORTO | A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, participa onte e hoxe en Porto na Contracimeira Social, que se está celebrando baixo o lema “Erradicar a pobreza, combater a precariedade, garantir o pleno emprego”. Esta contracimeira, que inclúe diversos paneis informativos e accións na rúa como a manifestación convocada pola CGTP "Por unha Europa dos traballadores e dos Pobos", está organizada como resposta á Cimeira Social que se celebra na cidade lusa promovida pola presidencia portuguesa do Consello de Ministros da Unión Europea e cuxos anfitrións son António Costa, pola presidencia portuguesa, e Ursula von der Leyen, como presidenta da Comisión. 

“Estamos en Porto para denunciar a falla de ambición da UE en políticas sociais e a única aposta por un modelo económico e financeiro neoliberal que esmaga aos nosos Pobos que son os que sofren as consecuencias das sucesivas crises”, subliña Ana Miranda, quen salienta que para o Bloque resulta tremendamente preocupante este modelo que precariza o traballo e promove pobreza e desigualdade a consecuencia das sucesivas reformas da UE. Considera que esas reformas, como as impostas polo Semestre Europeo e as recomendacións anuais, están baseadas na desprotección da clase traballadora, a desrregularización e a imposición de regras que condicionan a protección laboral e social.

Esas reformas teñen como consecuencia un escandaloso aumento da pobreza, con máis de 92 millóns de persoas pobres na Unión Europea. “A Cimeira Social expresa entre os seus obxectivos a redución de 15 millóns de pobres até 2030, o que significa que en ase ano seguirían existindo 77 millóns de persoas pobres. Por iso dicimos que estamos ante unha UE insensible e con falta de ambición na loita contra as desigualdades e que non está á altura das consecuencias sociais e económicas da pandemia”, manifesta a portavoz do BNG en Europea.


Declaracións grandilocuentes 

Ana Miranda explica que no 2017 a Unión Europea lanzou o denominado Pilar Europeo dos Dereitos Sociais, -que foi aprobado en marzo de 2021-, debido ao escandaloso desequilibrio entre a prioridade dada ao crecemento e competitividade económica e a escasa atención adicada a acadar ao pleno emprego, a loitar contra a pobreza estrutural en todas as súas dimensións e a combater as desigualdades. Segundo a portavoz dos nacionalistas en Europa, "as medidas dos xefes de Estado que se reúnen no Porto van ficar no papel como propaganda, pois nin foron capaces de afrontar a crise de 2008 nin están a altura na crise provocada pola Covid19 e quen paga a perda de emprego e a precariedade son as clases populares”.

“De pouco vale que veñan a Porto a dicir o importante que é o pilar de dereitos sociais e a facer declaracións grandilocuentes se logo esixen aos Estados Membros reformas leoninas e impoñen condicións macroeconómicas que implican recortes nos investimentos públicos, precariedade laboral e vital, emigración e desmantelamento da capacidade produtiva e dos servizos públicos como  acontece en Galiza”, denuncia Ana Miranda.

O BNG considera este modelo de ortodoxia neoliberal unha imposición contra nacións como a galega, pois a UE impón o cumprimento de estritas regras e reformas económicas, máis non contempla un modelo social europeo que compense socialmente os desequilibrios socias e territoriais que provocan a política económica e monetaria comunitaria en especial nos territorios periféricos coma o noso País. “Non é o mesmo ser traballadora precaria en Galiza que en Suecia, nin pensionista galego ou alemán", sinala Miranda. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias