MADRID | O Bloque Nacionalista Galego consegue que o Congreso aprobe
unha iniciativa en que insta o Goberno do Estado á intervención pública da
planta de Alcoa San Cibrao e AluIbérica na Coruña e Avilés. O deputado do BNG
no Congreso, Néstor Rego, defendeu que o Ministerio de Industria actúe con
celeridade, axilidade e transparencia neste caso e propuxo que a SEPI se faga
cargo da factoría para garantir a continuidade da actividade e os postos de
traballo.
“Entre a crise industrial que desde hai anos arrastra Galiza e que xa
cobrou o fechamento de numerosas empresas e de centos de postos de traballo,
destaca a industria electrointensiva que dá emprego directo a máis de 5.000
persoas e moi especialmente as plantas de Alcoa San Cibrao e a antiga Alcoa A
Coruña” comezou a súa intervención o deputado do BNG no Congreso. No caso da
planta situada na Mariña, estamos a falar dunha situación xerada pola decisión
da empresa de fechar a planta de aluminio primario e non vendela “para evitar
potenciais competidores deixando na rúa a redor de 1.000 traballadores e
traballadoras entre os da propia empresa e os da industria auxiliar”.
Isto provocaría un efecto devastador en toda a Mariña xa que esta planta
está representa unha actividade económica fundamental nesta comarca. O deputado
nacionalista lembrou na súa intervención que o Congreso xa aprobou unha
iniciativa do BNG, no mes de outubro pasado, unha iniciativa no mesmo sentido
mais “o Goberno optou por non tomar en consideración esta proposta, o que
implicou que Alcoa iniciase un ERE que foi parado polos tribunais”.
“Sempre dixemos que a solución non ía ser xudicial e que era precisa unha actuación
política. Por iso traemos de novo a esta Comisión unha iniciativa para que o
Goberno opte por unha actitude directa de intervención como única saída a unha
crise que se prolonga demasiado tempo” enfatizou o deputado nacionalista. Así
mesmo, sinalou, a iniciativa quere evitar tamén “unha falsa saída”, como
ocorreu nas plantas da Coruña e Avilés coa venda ao Grupo PARTER, a posterior
revenda ao Grupo RIESGO: “unha operación claramente especulativa que acabou coa
recente intervención xudicial desas dúas empresas” destacou Rego.
A formación nacionalista critica que á finalización do último prazo de
negociación no mes de abril o Ministerio “se poña de lado e diga que debe ser
Alcoa e os potenciais compradores os que negocien, porque isto pode desembocar
no fechamento da planta ou mesmo nunha falsa saída”. Rego defendeu unha vez
máis a necesidade da intervención pública de Alcoa-San Cibrao para que, unha
vez en mans da SEPI, se se quixer, poida negociarse cun potencial comprador “que
represente un proxecto industrial estábel e que garanta a continuidade da
actividade e os postos de traballo”. O deputado nacionalista sinalou que o BNG “aposta
pola nacionalización da factoría para retornala ao sector público” mais entende
que neste contexto hai que dar prioridade á busca dunha saída estábel para
manter a actividade e a totalidade dos postos de traballo, razón pola que
acepta que esa intervención pública poida ser temporal.
Intervencións para as factorías de AluIbérica
A Coruña e Avilés
A iniciativa do BNG inclúe a intervención pública nas plantas de AluIbérica
na Coruña e Avilés. Segundo sinala Néstor Rego, após a recente intervención
xudicial das dúas plantas “a única saída para pór fin a dous anos e case a
paralización total da actividade nas plantas de aluminio da Coruña e Avilés é
que haxa unha actuación por parte do Estado de modo que a SEPI se faga cargo
destas dúas factorías que, en conxunto suman máis de 700 traballadores e
traballadoras”, para darlles estabilidade e actividade futura.
Texto da proposta aprobada
A proposta aprobada pola Comisión de Industria, que recolle o texto
presentado polo BNG cunha modificación do PP que introduce o termo “temporal” é
do seguinte teor literal:
“O Congreso insta o Goberno a:
1. A actuar coa máxima
axilidade, dilixencia e transparencia no proceso de negociación e diálogo entre
Alcoa, a Administración Pública, a representación das e dos traballadores e os
potenciais compradores.
2. Estabelecer un calendario
para a intervención pública temporal de Alcoa que permita o control por parte
da SEPI da factoría e garanta a posición adecuada para a negociación con
potenciais interesados en desenvolver proxectos industriais solventes e estábeis
que garantan a continuidade da actividade e dos postos de traballo na planta de
San Cibrao.
3. Tendo en conta a
intervención xudicial decretada en relación a AluIbérica A Coruña e Avilés,
acordar a posta en marcha dunha intervención pública temporal para incorporala
á SEPI para o desenvolvemento dun plan industrial que permita a plena
actividade produtiva e a ocupación dos cadros de persoal destas dúas plantas". Departamento de comunicación