El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

O SABOR DOS ANCARES

O Sabor dos Ancares presenta unha nova liña de pratos

Elaborados ao xeito tradicional en restaurantes dos Ancares e con carne da cooperativa.

22-03-2023 16:21:00
O Sabor dos Ancares.

REDACCIÓN | O Sabor dos Ancares, o selo de comercialización da Cooperativa A Carqueixa, vén de lanzar ao mercado un novo produto que segue a filosofía de calidade, proximidade e sostibilidade que a caracteriza: os pratos cociñados. Estas receitas elabóranse en dous restaurantes dos Ancares e comercialízanse a través do sitio web d’O Sabor dos Ancares.  

A cooperativa presentou a nova liña de pratos esta mañá no Bar Xegunde de Navia de Suarna, coa presenza dos cociñeiros que os elaboran -Pedro Sánchez e Mari Carmen Fernández-, do presidente da Cooperativa, Antonio Delpueblo, e cooperativistas da Carqueixa. O acto rematou cunha degustación de produto, logo da proxección dunha peza audiovisual promocional do novo produto. 

Os pratos cociñados son callos con garavanzos, caldo galego, tenreira con salsa de figos, xarrete con castañas, carne ao caldeiro e xarrete á pementa. O mesón Campa da Braña (Cervantes) e o Bar Xegunde (Navia de Suarna) son os locais por tras destas deliciosas propostas gastronómicas que capturan a auténtica esencia dos Ancares para trasladala á mesa de todos os clientes. Todos os pratos se elaboran con carne d’O Sabor dos Ancares, vacas criadas en liberdade e alimentadas con herba nos pastos dos Ancares.   


Pedro e Mari Carmen  

A Carqueixa aposta novamente polo territorio e confía esta nova liña de produtos a dous establecementos de longa historia nos Ancares con senllos cociñeiros veciños da comarca. Pedro Sánchez (Campa da Braña) e Mari Carmen Fernández (Xegunde) son os encargados de sorprender os padais máis exquisitos con pratos de toda a vida, preparados coa calma, o agarimo e o bo facer pasado de pais a fillos durante centos de anos. 

Pedro Sánchez, nado en Navarra, chegou aos Ancares e namorouse das nosas montañas. Hoxe en día, o Mesón Campa da Braña é un referente do bo comer nos Ancares. Esta casa de comidas (que ten tamén aloxamento) está situada a 1.200 metros de altitude, nun lugar moi axeitado para coñecer e facer os cumios da nosa Serra. E nada máis reconfortante despois dun día na montaña que as receitas que elabora Pedro no seu mesón. 

A súa carta está baseada na cociña caseira, elaborada con produtos de proximidade e de gran calidade, pero cun toque persoal. Un xeito de entender a cociña que Pedro quixo trasladar aos pratos cociñados que podes atopar na nosa web, e que recollen o sabor dos Ancares. 

Pola súa banda, no Bar Xegunde comanda os fogóns Mari Carmen, unha verdadeira experta na cociña tradicional ancaresa. Cada prato que sae da súa cociña é unha mostra deliciosa da nosa gastronomía e tamén a proba de que foron as mulleres da comarca as que conservaron e enriqueceron a cultura culinaria local durante décadas. 

Os callos con garavanzos de Mari Carmen son un clásico das feiras de Navia de Suarna e sempre causan sensación. Non podemos esquecer que é unha cociñeira de cine, xa que os seus pratos conformaron o cátering da rodaxe de O que Arde, de Oliver Laxe. 


Envío a toda a península  

A través dunha nova sección da páxina web d’O Sabor dos Ancares, os clientes poden adquirir calquera destes pratos. Envíanse a calquera punto da península ibérica. Todos os produtos son enviados envasados ao baleiro, de forma que poden conservarse ata unha semana sen abrir. Listos para consumir, abonda con quentalos o microondas ou en pota, sinalándose en cada caso o tempo recomendado. O transporte é refrixerado e os envíos elabóranse a comezos de semana, de forma que as e os clientes poidan ter o pedido na casa os mércores. 


Tamén á venda na carnicería O Sabor dos Ancares 

Os pratos cociñados tamén se comercializan na carnicería d'O Sabor dos Ancares na cidade de Lugo. O local atópase no número 25 da Praza de Abastos da mencionada cidade. Os clientes poden adquirir estes novos produtos sen necesidade de encargo previo. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias