A portavoz
nacional, Ana Pontón, aproveitou a sesión de control para denunciar a política
lingüística do PP que ten entre os seus “logros” que o galego sexa a única
lingua do Estado que perde falantes e un retroceso de vinte anos na súa
presenza no ámbito educativo, -segundo denuncia a propia Real Academia Galega-,
tras a entrada en vigor do chamado decreto do plurilingüismo.
Neste contexto, Pontón instou ao
presidente da Xunta que cumpra a lei, desde o Estatuto de Galiza ao Plan de
Normalización. “A súa política lingüística resúmese nunha gran mentira: a imposición do galego. O señor Feixóo inventou
as fake news moito antes de que se
falara delas, nisto si que foi pioneiro”, ironizou, tras reprocharlle ao PP que
comparta propostas con Cs e a extrema dereita “para converter o galego en
lingua de segunda”.
Tras lembrar que o Estatuto establece a obriga dos poderes públicos de
potenciar o galego “en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa,
e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento”, Pontón
enumerou as medidas do Goberno de Feixóo que están detrás do retroceso da
lingua propia.
“Suprimir a proba de galego no acceso á función pública, incumprir o
plan xeral de normalización, menos galego no ensino e prohibición de usalo nas
matemáticas ou na ciencia, excluír o galego do 92% das escolas infantís nas
cidades, implantar unha aplicación que impide o uso do galego na xustiza, cargarse
a oferta para público infantil e xuvenil da TVG, recortar máis dun 50% o apoio
ao sector do libro e deixar os orzamentos de normalización lingüística
reducidos a 1/3 de fai dez anos”, explicou.
Pese a esta folla de servizos e a compartir puntos do programa electoral
con Cs e Vox, Pontón espera que a nova “viraxe ao centro” iniciada polo PP
tamén se deixe notar na lingua, e permita a Feixóo acabar coa súa política “en
contra do galego”. “Despois do pasado sábado, ese sábado
do perdón na Carballeira do Pino, quen sabe, quizais pode cambiar algo,
porque alí fixo un acto de contrición e proclamou que desde ese momento o PP
abandonaba o pensamento único, abandonaba a intransixencia e agora si son de
centro”, ironizou. “Esa viraxe o centro implica tamén abandonar a intransixencia
contra o galego para empezar a cumprir o Estatuto e a Lei de normalización
lingüística?”, interpelou.
No turno de réplica, Pontón lamentou que, como é habitual, Feixóo evitase
responder e se limitase “a manipular, igual que fai na TVG como denuncian desde
fai un ano os e as traballadoras nos chamados venres negros, pero xa lle digo
que non me vai poñer unha mordaza”, e volveu a tirar de ironía neste caso co
xiro no argumentario do presidente da Xunta, “parece que agora en vez do
bipartito o seu gran argumento é Vox, vox, vox, pero non estaban vostedes
centrándonse?”.
Ante a obsesiva referencia de Feixóo á extrema dereita na súa intervención
no Parlamento galego, a líder do Bloque foi contundente na resposta: “Quen
goberno con Vox é o PP”.
Pontón demandoulle ao xefe do Executivo que empece por derrogar o
decreto contra o galego aprobado en solitario polo PP, “que quebrou o uso do
galego nas aulas facendo retroceder a presenza do noso idioma ao nivel dos anos
90”, e que tome as medidas necesarias para evitar a perda continuada de
galegofalantes empezando por cumprir o que marca o propio Estatuto de Galiza. Departamento de Comunicación / BNG