El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Sociedad

GALICIA

Galicia rexistra a taxa de falecementos máis baixa por suicidio

10-09-2019 20:08:51

Os primeiros datos logo da posta en marcha do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, en setembro de 2017, reflicten que en 2018 o número de falecementos por suicidio é o máis baixo dende que existe o rexistro do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), no ano 2005. Segundo datos do Imelga, no 2018 faleceron en Galicia 288 persoas, o que supón un descenso do 11,11% respecto a 2017 e de 100 falecementos menos respecto a 2014.

Entre as accións levadas a cabo no marco do Plan de Prevención do Suicidio destaca a actualización dos protocolos de prevención do suicidio no ámbito hospitalario. Tamén se puxo en marcha o protocolo de prevención do suicidio no ámbito escolar e a formación de bombeiros e persoal de intervención de primeira liña, mediante a Academia galega de emerxencias, e de profesionais sanitarios, a través da Axencia de coñecemento en saúde. Así mesmo está previsto o establecemento de comités multidisciplinares de prevención do suicidio en todas as xerencias de xestión integrada, ademais doutras medidas. 

Ademais, entre os acordos acadados recentemente na segunda reunión do Consello Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas en Galicia, o departamento sanitario galego desenvolverá unha vía rápida de actuación ante a conduta suicida. Con esta medida, o Sergas vai facilitar o acceso á atención especializada en saúde mental aos pacientes con risco de suicidio, co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade ao sistema sanitario para un axeitado diagnóstico. 

Xunto co anterior tamén se acordou avanzar na colaboración co Imelga para mellorar a información sobre o suicidio e levar a cabo programas asistenciais en grupos de risco (como familia e achegados de falecidos por suicidio), así como utilizar o 061 como teléfono único do suicidio, tanto para as persoas en risco como para o seu entorno. Tamén se acordou priorizar a formación dos profesionais tanto no ámbito sanitario como no social e o educativo, e se afondará no convenio de colaboración asinado coa Universidade de Santiago (USC) hai uns días. 


Consello Interdepartamental 

O Consello Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas en Galicia naceu para fomentar a coordinación en materia de prevención do suicidio entre os diferentes sectores implicados. O problema da conduta suicida require para a súa abordaxe a atención desde diversos ámbitos, polo que é necesaria unha correcta colaboración e coordinación entre as distintas institucións implicadas. 

Entre as funcións do Consello están a de supervisar a implantación do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, valorar a información sobre os indicadores das medidas estratéxicas do Plan e revisar periodicamente os protocolos e as accións de coordinación desenvolvidas. No Consello participan, ademais da Consellería de Sanidade, representantes das Consellerías de Xustiza, Educación e Política Social, do 061, do Imelga e da Federación de Asociacións de familiares e persoas con enfermidade mental de Galicia (FEAFES). 

Coa creación deste Consello, a Consellería de Sanidade reafirma o seu compromiso en relación ao problema do suicidio como unha prioridade na axenda da atención á saúde mental, tal e como recoñece nas Estratexias Sergas 2014 e 2020 e no Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, entre outras iniciativas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias