Cada día en cada telexornal , en cada diario ou plataforma de novas, fica máis claro a perda de valores como sociedade e mesmo como persoas. As novas das distintas manadas, do Chicle, dos abusos e da violencia machista sitúa ás claras que a nosa forma de convivir está quebrada. Que non se pode entender unha sociedade normal con este tipo de actuacións, está claro que se esta a fallar dende os poderes públicos e xurídicos. Onde nos sitúa como persoas permitir o que está a acontecer no relativo á violencia machista?
Ten moito de preocupante tamén o enfoque que algúns medios de comunicación dan a esta problemática, hoxe a calquera hora en calquera tipo de programa podemos ver o tratamento frívolo e sensacionalista de estas situacións. Excedendo o límite do dereito á información, onde calquera famoso de quenda é quen de opinar e xa vemos como opinan os toureiros, por exemplo. Este enfoque contribúe a normalizar o que non é normal e causa un efecto devastador nos mozos e mozas que ben estes programas sen filtro algún. A función reguladora da administración non existe e neste senso de pouco ou nada valen as campañas de sensibilización, con soportes e sistemas anticuados, que se pretenden dende os gobernos.
O 25 de novembro, na lembranza das irmáns Mirabal en representación de todas as vítimas, os políticos farán xestos e posicións, chamamentos e slogans pero na maioría dos casos pasando polo facilmente vendible e marketing sen afondar na realidade da cuestión e sen recoñecer que a administración está a fallar no control e mesmo na aplicacións dos valores dende a educación. Non lembran o 25 a tan respectada e defendida Constitución , que di que todos somos iguais, e non somos. Non somos mentres a sociedade non sexa igual a homes e mulleres, mentres os salarios non sexan iguais, mentres unha muller teña medo de ir soa á súa casa, mentres non se despidan ás mulleres por ser nais, mentres existan infrapersoas que usen a forza nas súas relacións, mentres existan manadas...
Cando os asistimos a un discurso presidencial do máis patriarcal en Galicia, algo segue a fallar. Non é ese o camiño da igualdade Señor Feijoo, non é do representación diferida para vender paternalismo, as mulleres teñen que ter voz propia, de feito téñena. O que un Presidente ten que garantir é a igualdade de oportunidades, non máis senón as mesmas, mentres iso non pase estamos fracasando como sociedade.
Piñeiro Docampo