As Enfermeiras de Galicia, estamos fartas de soportar ano tras ano os abusos da nosa Administración Pública (precariedade laboral, diminución de dereitos, aumento de ratios e carga asistencial, perda de poder adquisitivo…)
Todo isto conleva unha consecuencia directa na calidade asistencial dos nosos pacientesO feito é que, se actualmente non hai Enfermeiras nas listas de contratación haberá que analizar qué acontece coas Enfermeiras que saen das nosas facultades e por qué as listas de contratación están baleiras.
Non se fan contratos estables, de forma que as nosas enfermeiras eventuais buscan estabilidade na sanidade privada, noutras profesións, comunidades e incluso fora de España, porque se ofrecen mellores condicións.
Ante esta problemática, a Administración tenta solucionar empregando as chamadas: Autocoberturas. Mentres a precariedade laboral non se solucione e se precise a opción das autocoberturas, éstas deben de ser retribuidas como o que son: Xornadas Complementarias Extraordinarias.
Deste xeito, decidimos empezar por unha acción concreta. Notificar ás nosas xerencias e aos nosos representantes sindicais a desigualdade salarial existente:
1.- Manifestamos a desigualdade.
2.- Solicitamos unha medida compensatoria.
3.- Acordamos levar a cabo unha actuación concreta.
Na Mesa Sectorial do pasado luns 29 de Maio, o SERGAS decide UNILATERALMENTE empregar unha nova artimaña: un complemento retributivo enganoso. Este complemento non vai fomentar a contratación senon máis ben todo o contrario, dado que favorecerá a duplicidade de carga das Enfermeiras xa contratadas e desmotivará a contratación, que é a nosa principal demanda durante todos estes anos: contratos estables e ratios adecuados para manter a seguridade dos nosos pacientes.
Preténdense impoñer unhas condicións que obrigan a realización dun determinado número de horas fóra da xornada ordinaria, e nun prazo determinado de tempo.
Somos un colectivo moi vocacional e resulta moi desagradable que se nos ignore cando solicitamos por xustiza a equiparación na remuneración do noso traballo fóra de xornada ordinaria, e que vexamos sempre en prensa a imaxe idílica que se quere mostrar pero que para nada reflicte a realidade da nosa situación laboral.
Como explicamos, hai unha chea de motivos para que as enfermeiras estemos cansas e que se resumen en:
.- Queremos poder dar coidados de calidade e con seguridade aos nosos pacientes e ás súas familias. Por eles, que confían en nos, seguimos adiante.
.- Queremos condicións de traballo dignas e acordes á nosa alta cualificación, traballo de alta complexidade e considerable responsabilidade.
.- Queremos unha remuneración xusta no caso de ter que realizar autocoberturas segundo se acordou para as enfermeiras en xuño do 2022.
Cartas al Director