Eu, César Gil, como delegado de persoal pola CIG-Ensino na Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela, e en representación de todo o cadro de traballadores, gustaríame trasladarlles un comunicado urxente dirixido á opinión pública.
Este sábado queda cancelada a Andaina Musical, unha actividade que se celebra cada ano na contorna de Santiago e na que participan máis de 200 persoas. Así mesmo, o vindeiro venres suspéndese tamén o Festival de Fin de Curso, un acto que tradicionalmente reúne máis de 400 familias no Auditorio de Galicia.
O motivo destas cancelacións explícase no seguinte comunicado
“O persoal da Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela leva anos sufrindo unha progresiva precarización das súas condicións laborais, agravada no último concurso público. Malia tratarse de persoas licenciadas e tituladas superiores, que desempeñan perfís profesionais semellantes e funcións equiparables ás doutras escolas municipais de música, o salario base bruto anual que se aplica en Santiago é significativamente inferior. A esta situación súmanse xornadas parciais e a xeneralización de contratos fixos discontinuos, que impiden garantir unha mínima estabilidade laboral.
Esta situación afecta tamén ao funcionamento e á calidade do proxecto educativo, limitando o seguimento do alumnado e a organización de actividades complementarias, malia o esforzo e implicación constante do cadro profesional.
O actual goberno municipal, conformado polo BNG e Compostela Aberta, incluía no seu programa electoral o compromiso de municipalizar a Escola Municipal de Música co obxectivo de estabilizar o emprego. Porén, a día de hoxe, a xestión do servizo mantense externalizada e, malia os distintos intentos por parte do persoal de mellorar as súas condicións laborais, a resposta da empresa concesionaria foi sempre negativa.
Ante este escenario, e tras anos asumindo en solitario a defensa do valor e da función pública da Escola Municipal de Música, o persoal acorda suspender toda actividade organizada pola escola que non sexa estritamente lectiva, como medida de protesta e dignificación do seu labor".
Cartas al Director