El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Apunte

Galicia non pode esperar máis

14-10-2025


Galicia leva anos sometida a unha paralización institucional que está a afogar aos seus cidadáns. Servizos públicos en caída libre, un rural abandonado, falta de oportunidades, transporte deficiente, sanidade recortada e unha educación pública sen medios. A realidade é dura, e non a podemos agochar máis. Os grandes partidos que nos representaron e nos seguen representando demostraron, elección tras elección, que non están á altura do que Galicia precisa. Venden promesas, reparten cargos, colocan aos seus, pero esquecen a quen realmente deberían servir: á xente. 

A sanidade pública está a ser desmantelada pouco a pouco mentres nos intentan convencer de que todo vai ben. Pechan centros de saúde, derivan pacientes á privada, non cobren prazas médicas nas zonas rurais e obrigan aos doentes a agardar meses para unha proba ou unha consulta. Mentres tanto, seguen entregando contratos millonarios a empresas que fan negocio coa saúde. Iso non é xestionar, é traizoar. E ninguén asume responsabilidades. 

O transporte público é inexistente fóra das cidades. Quen vive nunha vila ou no rural está practicamente illado, sen autobuses, sen tren e sen opcións. Fálase moito de loita contra o cambio climático, pero se obriga á poboación a usar o coche porque non hai alternativas. Outro exemplo máis de como o discurso institucional non ten nada que ver coa realidade da rúa. 

As escolas públicas seguen con fendas nos teitos, sen dotación tecnolóxica, con profesorado ao límite e sen investimentos estruturais. Mentres, desvíanse recursos á concertada, favorecendo a segregación educativa. O futuro de Galicia pasa pola formación da mocidade, pero os gobernos din outra cousa e fan a contraria. 

As infraestruturas, especialmente as viarias, seguen nun estado lamentable. Estradas secundarias cheas de fochancas, comarcas enteiras sen conexión axeitada, proxectos eternamente prometidos que nunca se executan. A Galicia do interior segue sendo esquecida, e iso non é casualidade: é unha estratexia de abandono. 

E mentres todo isto pasa, seguen os mesmos de sempre repartíndose o poder. Non só PP e PSOE tiveron as mans no mando durante décadas sen poñer solucións reais sobre a mesa. Ata os mojitos do BNG, cando lles tocou gobernar, preferiron instalarse no despacho e practicar o mesmo caciquismo que antes criticaban. Galicia está farta de caciques, de redes clientelares, de políticos de traxe e sorriso fácil que só aparecen en campaña. 

Por iso desde UCIN Galicia levantamos a voz e dicimos basta xa. Non vimos repartir carnés de galeguidade nin vender bandeiras: vimos a traballar pola xente, pola quemadruga, pola que coida, pola que produce, pola que sofre. UCIN Galicia preséntase como unha alternativa real, seria, sen hipotecas con Madrid nin co pasado. Temos claro o que queremos: servizos públicos fortes, transporte digno, educación de calidade, investimento no rural, rexeneración democrática e acabar dunha vez coa corrupción política e moral que paraliza esta terra. 

Galicia merece máis. Galicia merece dignidade. E chegou o momento de que a xente volva tomar a palabra. UCIN Galicia está preparada para dar ese paso, sen medo, sen ataduras e coa verdade por diante. José Luis Calo / Coordinador UCIN Galicia

Cartas al Director


Ver otros artículos de este colaborador




www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




Videoteca