El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Apunte

Galicia perde o seu talento

05-06-2026


A polémica vivida estes días arredor da PAU en Galicia puxo enriba da mesa unha realidade que moitas familias galegas levan anos percibindo: o actual sistema de acceso universitario non garante plenamente a igualdade de oportunidades entre o alumnado dos distintos territorios do Estado. Os erros producidos nos exames son graves e deben asumirse responsabilidades. Mais reducir o debate unicamente a unha cadea de fallos técnicos sería un erro político e tamén social. Porque o problema de fondo é moito máis profundo. 

Hoxe, miles de estudantes galegos compiten cada ano por unhas poucas décimas nun sistema onde existen diferenzas evidentes entre comunidades autónomas. Diferencias na dificultade das probas, nos criterios de corrección e mesmo na inflación das notas. E mentres isto sucede, os grandes partidos prefiren utilizar a educación como arma ideolóxica en vez de afrontar unha reforma seria do modelo. 

Uns propoñen recentralizar completamente o sistema educativo mediante unha PAU única estatal, coma se Galicia tivese que renunciar á súa capacidade propia para garantir igualdade. Outros seguen negando que existan desigualdades reais entre territorios, instalados nun discurso burocrático que xa non responde ás preocupacións das familias nin do alumnado. 

Desde Coalición Galega cremos que Galicia necesita unha posición propia, seria e útil neste debate. 

Non defendemos privilexios. Defendemos xustiza. 

Non queremos levantar fronteiras educativas. Queremos garantir que o alumnado galego poida competir en igualdade de condicións. 

Por iso propoñemos unha reforma do sistema baseada en tres grandes principios. 

O primeiro: harmonizar realmente as probas de acceso universitario en toda España para evitar desigualdades excesivas entre comunidades autónomas. Galicia debe conservar a súa capacidade educativa e lingüística, pero non pode aceptar un sistema onde estudantes sometidos a exames diferentes compitan polas mesmas prazas universitarias en condicións desiguais. 

O segundo: implantar mecanismos modernos de corrección estatística e sistemas de percentiles que permitan compensar as diferenzas reais existentes entre territorios. O mérito non pode depender do código postal nin da comunidade autónoma onde un estudante realiza a súa proba. 

E o terceiro —e probablemente o máis importante para o futuro do país—: priorizar parcialmente o acceso do alumnado formado en Galicia a determinados graos estratéxicos das universidades galegas. 

Galicia sofre unha perda constante de talento novo. Formamos médicos, enxeñeiros, mestres e investigadores que posteriormente marchan porque o sistema non está pensado para reter capital humano nin para defender os intereses estratéxicos do país. 

Non é razoable que unha sociedade envellecida como a galega continúe financiando con recursos públicos a formación de profesionais que acaban cubrindo déficits doutros territorios mentres aquí faltan médicos, persoal sanitario ou especialistas. 

Defender ao alumnado galego non é excluír a ninguén. É protexer o futuro de Galicia. 

Porque a universidade xa non pode entenderse unicamente como unha cuestión académica. É tamén unha ferramenta fundamental de cohesión territorial, desenvolvemento económico e supervivencia demográfica. 

E Galicia necesita pensar en clave de país. 

Necesitamos unha universidade conectada co noso tecido produtivo, coa innovación, coa investigación e coa retención de talento. Necesitamos garantir que a mocidade galega teña oportunidades reais para desenvolver aquí o seu proxecto de vida. 

E sobre todo necesitamos abandonar unha vez por todas esa resignación histórica que leva décadas aceptando que Galicia forme o talento para que outros o aproveiten. 

A polémica da PAU pasará. Pero o debate importante permanecerá aberto. 

A pregunta xa non é só como se examinan os nosos estudantes. A verdadeira pregunta é se Galicia está disposta a defender o seu futuro ou se seguirá aceptando un modelo onde os nosos mozos e mozas teñen que marchar para poder prosperar. 

Desde Coalición Galega temos clara a resposta / José Mª Artiaga, presidente de Coalición Galega

Cartas al Director


Ver otros artículos de este colaborador




www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias




Videoteca