El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
Cartas al Director

Touriño acepta unha invitación para visitar Cuba a finais de ano

27-03-2007

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que visitará Cuba oficialmente a finais deste ano. Durante unha xuntanza celebrada na residencia oficial de Monte Pío, o máximo mandatario autonómico confirmoulle ao cónsul xeral de Cuba en Galicia, Alejandro Fuentes Hernández, a súa intención de visitar o país. Pérez Touriño aceptou así a invitación oficial que lle trasladaran as autoridades cubanas para visitar Cuba. O presidente da Xunta desprazarase así ao país caribeño no mes de decembro, para participar en diversos actos que se celebrarán con motivo da conmemoración do centenario do Himno Galego, estreado no Centro Gallego da Habana en 1907. Ademais disto, a viaxe terá outros obxectivos de marcado carácter cultural, como a presentación da Feira do Libro da Habana, que en 2008 estará dedicada a Galicia. Deste xeito, Emilio Pérez Touriño confirmoulle oficialmente ao cónsul de Cuba en Galicia a súa intención de visitar o país, logo de que as autoridades cubanas tamén lle transmitisen oficialmente a invitación. Exportacións e importacións A comunidade galega mantén uns estreitos lazos culturais e económicos con Cuba. De feito, as exportacións galegas con destino a este país caribeño no ano 2006 acadaron un valor de 16,5 millóns de euros, un 60% superior ás rexistradas no ano 2005, que representan o 2,6% do total de exportacións contabilizadas no conxunto do Estado. Os principais grupos de exportación foron bens de equipo e os referidos ao sector da automoción, xunto con manufacturas. Pola contra, as importacións galegas acadaron a cifra de 38,1 millóns de euros no ano 2006, similares ás do ano anterior, que representan un 27% das realizadas por España. Os produtos importados corresponderon, na súa totalidade, a bens alimenticios e, máis concretamente, a produtos da pesca. Así mesmo, tamén cabe salientar as axudas que a Dirección Xeral de Cooperación Exterior destina a Cuba: un total de 671.123 euros no presente exercicio. A decembro de 2006 residían en Galicia un total de 1.830 cidadáns cubanos. Os emigrantes galegos en Cuba, segundo os datos do CERA, ascenden a 7.350 cidadáns. No ano 2005 retornaron a Galicia 67 persoas procedentes da illa caribeña. Alejandro Fuentes Hernández foi nomeado recentemente cónsul xeral da República de Cuba en Galicia. Con residencia en Santiago de Compostela, ten xurisdición nas provincias da Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense, así como no Principado de Asturias e Cantabria.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias