Lugo.- O
patrón da Fundación Tic e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos,
presentou hoxe o primeiro
documental sobre “A Queima das Fachas de
Castelo” nun acto que tivo lugar no local social desta parroquia de
Taboada, e no que estivo acompañado polo presidente da Asociación Cultural A
Fachas, Manuel Fidalgo. Os veciños de Santa María de Castelo, principais
protagonistas, asistiron á estrea do audiovisual co que, segundo o patrón da
TIC, “contribuímos a manter viva unha tradición ancestral e das máis singulares
de Galicia. De feito, hai estudos que falan dunha orixe castrexa”.
Santos
Ramos dixo que “desde a TIC e a Deputación apostamos por impulsar iniciativas
que, como a Queima das Fachas, nos fan sentir moi orgullosos da nosa cultura e
das nosas orixes. Para que valoremos o noso rural, o primeiro é sentirnos
orgullos del. Pero este apoio vai moito máis alá. Unha das prioridades do
Goberno da Deputación é a defensa do rural, polo que traballamos desde diversos
ámbitos para xerar riqueza e fixar poboación”.
“O
apoio á Queima das Fachas forma parte desta prioridade. Ademais dunha festa
etnográfica, é unha cita turística de primeiro orden, pola súa singularidade.
Pero é fundamental dala a coñecer. Queremos que a parroquia de Castelo estea no
mapa de eventos turísticos imprescindibles para os amantes das tradicións, que
cada vez son máis, non só en Galicia, senón en toda España”, apuntou o
responsable provincial.
Elaboración e historia das
fachas
O
documental, de 15 minutos de duración, abarca todo o proceso: a recollida dos
agucios, a elaboración das fachas, o traslado ao castro, a súa instalación e,
por último, a queima, que ten lugar todos os anos, desde hai séculos, na noite
do 7 ao 8 de setembro.
Ademais
conta coa participación do antropólogo Xabier Viana, e inclúe “declaracións dos
veciños que conservan a tradición dos seus antepasados e de rapaces que nos fan
confiar en que se manteña no futuro. O audiovisual tamén é un recoñecemento ao
traballo que está a desenvolver a Asociación Cultural As Fachas. Valoramos o
gran esforzo que están a facer para que a Queima se manteña e vaia a máis”.
Apoio da TIC ao tecido
asociativo
A
Asociación Cultural As Fachas constituíuse a finais de 1992 e ten entre os seus
obxectivos procurar que non se extinga esta tradición ancestral, a súa
organización e a conservación patrimonial da parroquia. É unha das
organizacións sen ánimo de lucro que ten asinado convenio coa TIC. Esta
colaboración forma parte dunhas das principais liñas de actuación da Fundación,
de apoio ao tecido asociativo da provincia e ao gra labor que desenvolve en
diversos ámbitos. Departamento de comunicación