O mércores 12 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 197.457 nenas e nenos, o que supón un 0,6 % menos que no curso 2017/18, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar.
Educación Infantil
Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 59.545 alumnos comezarán este 12 de setembro nas aulas de educación infantil, o que supón un 1,4 % menos ca no curso 2017/18.
Educación Primaria
Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 136.738 alumnos tamén comezaran o mércores as clases de educación primaria en Galicia, o que supón practicamente a mesma cifra ca no curso anterior (un 0,3% menos).
Educación especial
No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1174, 94 alumnos máis ca no 2017/18.
Servizos complementarios
O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.
Así, este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 75.699, das cales 14.449 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración- da Consellería neste concepto para ambas as entidades. En total o departamento educativo da Xunta xestiona 437 comedores, deles 302 de forma directa e 135 de forma indirecta, (a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos). Pola súa banda as ANPAS son responsables de 131 comedores e os Concellos de 50. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de máis de 4000 comensais en 50 centros escolares dos Concellos de Ames, Betanzos, Cangas, Ferrol, Gondomar, Manzaneda, Meaño, Mugardos, Muíños, Lugo, Oroso, Ponteareas, Santiago de Compostela e Sarria. Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 494 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 13 entidades.
No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais- a 90.001 alumnas e alumnos de 765 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 301 alumnos de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios cunha ducia de entidades. Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario. Leer máis