No mitin de
Ourense a portavoz nacional, Ana Pontón, ironizou sobre a presenza de turistas
electorais que visitaron a cidade estes días de campaña, desde a “tiisima do
reconquistador” ao ministro de Exteriores pasando polo propio candidato do
PSOE, Pedro Sánchez, “enchendo unha botella de auga na fonte das Burgas”.
Visitas de campaña que non fan que
esquezamos, dixo, o agravio destes catro anos, primeiro co PP, despois co PSOE.
“Estamos cansos da discriminación das
forzas estatais, esas que agora nos falan de voto útil, voto útil para quen,
para Casado, para Sánchez?”, interpelou, “por iso, temos que votar como galeg@s
enchendo as urnas de papeletas do BNG porque somos garantía de darlle voz a Galiza
no Estado e garantía de frear á dereita antigalega quitándolle a Vox e a CDs os
escanos que lles disputamos nas enquisas”, apelou Pontón.
A dirixente nacionalista deixou claro
que “hai alternativa a esa foto dos catro machos-alfa da política que nos
queren vender dende os platós de
televisión, unha alternativa de país,
capaz de facer que sexamos decisivos no Estado e capaz de pararlle os pés a
dereita antigalega. Esa alternativa é o BNG e, por iso, cando PP e PSOE vos veñan coa milonga do voto
útil mostrádelle a papeleta do Bloque”.
Neste sentido, Pontón desmontou a
falacia do argumento coas que as forzas estatais coinciden en pedir o voto. “Anda
Feixóo e Casado por un lado e Pedro Sánchez polo outro a voltas co voto útil. Eu
pregúntome, útil para quen? Que utilidade tiveron as forzas estatais, - vellas
e novas -, para esta cidade, para esta provincia?”.
“Foron útiles PP e PSOE para subirlle
a pensión ás persoas maiores en Ourense e en Galiza, evitaron a emigración da xente moza nunha
provincia que ten un problema de envellecemento da poboación, lograron que o
Estado aportase os 188 millóns de euros que nos deben en dependencia, conseguiron acabar coa
estafa que supón o prezo do AVANT, aportaron os investimentos que Ourense
precisa? O que si nos deron foi PP un recortazo de 442 millons e PSOE un recortazo a
750 millóns co apoio de En Marea-Podemos”, enumerou a líder nacionalista.
Voto inútil ás forzas estatais
Por iso, con esta folla de servizos, “cando
PP e PSOE falan de voto útil, decídelle alto e claro que non hai nada máis
inútil para Ourense, para Galiza que votar as forzas estatais que nos estiveron
discriminando ano tras ano, que fan o contrario do que din. Poden vir agora
facerse as fotos que queiran en campaña, o retrato dos feitos é o que vale”,
salientou.
Pontón ironizou sobre os efectos da
recentralización que promove a dereita españolista: “Que teña coidado Baltar
porque con tanto centralismo de Pablo Casado e dos seus socios da extrema dereita
vanlle quitar a deputación!”.
Iago Tabarés
Pola súa parte, o candidato ao
Congreso por Ourense, Iago Tabarés, insistiu no “valor dobre” do voto BNG, “o único capaz restarlle escanos á dereita antigalega
e, ademais, garantía de que esta provincia vai ter voz propia no Congreso nun
escenario sen maiorías absolutas no que seremos determinantes na política do
Estado, e usaremos esa forza a favor de Ourense”, comprometeuse.
Tabarés reflexionou sobre o feito de que “moita
xente botou de menos ao BNG en Madrid,
botou en falta unha voz sen ataduras
capaz de dar a cara polos intereses do país”, indicou, e esa reflexión é
compartida mesmo por quen non escolleu a papeleta nacionalista en 2016, “pero
que sabe da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou.
Mobilizar ás persoas indecisas
Por iso, “estou seguro de que a discriminación destes
catro anos vai estar moi presenta na cabeza e no corazón de moitos veciñas e
veciñas desta cidade e desta provincia á hora de votar o 28A”. “Para que o 29
de Abril non vexamos con envexa o que conseguen outros territorios, fagámonos
valer e para iso está o Bloque”, recalcou o candidato.
Tabarés e Pontón coincidiron en facer un chamamento á
mobilización nestes últimos días de campaña. “Témolo ao alcance da
man. Por iso, esta semana pídovos que nos multipliquemos, que redobremos a
mobilización, con ilusión, cun sorriso na boca, que falemos con todo o mundo,
que chamemos a todas as portas”, apelou a líder do BNG.
A todas eses milleiros de galegos e
galegas que aínda non teñen decidido o voto, “temos que ser capaces de
transmitirlles que estamos nun momento excepcional, que podemos cambiar as
regras de xogo, acabar coa discriminación e darlle a Galiza o peso que lle
corresponde optando polo BNG este domingo”, proclamou Pontón. Departamento de comunicación / BNG