Pontevedra | O secretario xeral para o Deporte, José
Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación do Campionato de Europa
Júnior de Loitas Olímpicas que terá lugar en Pontevedra entre o 3 e o 9
de xuño nas tres especialidades deportivas de loita grecorromana, loita
libre feminina e loita libre olímpica. Na súa intervención o secretario
xeral destacou que “Galicia ten moito que dicir nun deporte tan antigo e
popular como a loita” como demostra que as licenzas federativas
medraran nun 50% nesta última tempada chegando a rozar as 2.000, das que
un 35% son femininas. “E como parte da historia que xa formamos,
queremos facer de novo historia con este Campionato Europeo Júnior de
Loitas Olímpicas”, dixo e insistiu en que o campionato será “un fito
histórico dunha modalidade deportiva en plena expansión que volverá
converter a Pontevedra no referente deportivo mundial pouco despois do
Mundial ITU Multideporte de Tríatlon e pouco antes do Mundial Júnior
de Balonmán”.
O mandatario galego fixo un repaso histórico da
loita e valorou este deporte como un dos “más antigos e populares”.
Agora, “o crisol de culturas, épocas, civilizacións e sociedades polas
que pasou chega a Pontevedra representado por 37 países do vello
continente”, dixo. En total serán unhas 1.500 persoas as desprazadas a
Pontevedra, entre as que haberá 800 deportistas que competirán no
Europeo. A Selección española acude ao campionato con 30 deportistas e
un 10% de galegos, “auténticos abandeirados dun europeo que se xoga na
súa casa”.
Lete Lasa asegurou que os tres representantes galegos
-Nerea Pampín (-65 kg. Club Keltoi de Vila de Cruces), Carlos Yobani
(-65 kg. Club Loitas Olímpicas Vilalba) e Santiago Sánchez (-86 kg.
Club Keltoi de Vila de Cruces)- “realizarán un torneo fantástico e
poderán regalarnos un novo éxito internacional aos que xa nos teñen
acostumados”. Do mesmo xeito, o secretario xeral destacou a Marcos
Araujo Pereira, como membro do colectivo arbitral.
Asemade, o
responsable do departamento deportivo da Xunta destacou a importancia do
deporte nas “idades máis temperás como un dos mellores bálsamos para o
futuro da nosa sociedade” e lembrou que Pontevedra xa foi sede do
Campionato de España Escolar e Cadete de Loitas Olímpicas en 2018.