A Coruña | Os concellos de As Pontes, Muros
e Oroso serán este ano as sedes centrais da 18ª edición da Volta Ciclista á
Provincia da Coruña, que se disputará entre os días 31 de maio e 2 de xuño e contará
coa participación de máis dun centenar de ciclistas das categorías Élite e
Sub-23, nas que se forxan as novas promesas desta disciplina deportiva antes de
chegar ao ámbito profesional.
O presidente en
funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o deputado de
Deportes, Antonio Leira e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan
Carlos Muñiz foron os encargados de presentar hoxe este evento deportivo nun
acto celebrado no salón de plenos da Deputación, no que participaron tamén o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o
concelleiro de Deportes pontés, Chicho Tembrás. González
Formoso destacou que a Deputación da Coruña vén apoiando dende os seus inicios
unha Volta Ciclista á Provincia que este ano “cumpre a súa mayoría de idade”.
O
presidente provincial destacou ademais “o apoio ao ciclismo” do goberno
provincial e “o importante investimento levado a cabo durante este mandato para
mellorar as estradas provinciais, apostando especialmente pola seguridade de
ciclistas e peóns”.
Un aspecto
no que tamén incidiu o deputado de Deportes, Antonio Leira, que lembrou que
aproximadamente un terzo das estradas provinciais (aquelas máis transitadas por
ciclistas) contan con sinais que advirten da obriga de deixar 1,5 metros de
distancia nos adiantamentos de vehículos e puxo en valor proxectos importantes
para a mobilidade coma a rede ciclista metropolitana da Coruña.
Leira
destacou as importantes probas ciclistas que patrocina a Deputación e
manifestou o seu desexo de que a Volta siga celebrándose outros dezaoito anos.
Etapas
da Volta
Nesta
18 edición da Volta participarán un total de 17 equipos,
seis deles galegos, e cabe destacar a participación, por primeira vez na
historia do evento, dun equipo colombiano.
A
proba comezará mañá venres 31 de maio, ás 13.30 horas, na praza do Concello de
As Pontes. Dende alí partirá un itinerario de 150 quilómetros que percorerrá
Penapurreira, Goente, As Neves, Pontedeume, Cabanas, Fene, Neda, San Sadurniño,
Valdoviño, Cedeira, As Somozas, para rematar de novo nas Pontes arredor das
17.15 horaas.
O
sábado 1 de xuño a etapa da Volta partirá de Muros ás
14.00 horas, dende onde se realizará un percorrido de 141,6 quilómetros que
pasará por Serres, Abelleira, Esteiro, Freixo, Serra de Outes, Cruceiro de Roo,
Tal, Abelleira, o alto das Paxareiras, Muros, San Francisco, Lira, Carnota, O
Viso, Paxareiras, Serres e meta en Muros.
A
derradeira etapa, de 140 quilómetros, disputarase o domingo 2 de xuño. Sairá de
Sigüeiro (Oroso) para pasar por O Rial, Tordoia, A Tablilla, Xesteda, Cerceda,
Ordes, Oroso, Penateixada, Santa Irene, Touro, Pedrouzo, Santiso, Saamil e fin
de etapa de novo en Sigüeiro. Información da Volta