O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde
de axudas destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren
violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais
galegas, para a realización de obras ou servizos de interese xeral o
social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a
súa inserción laboral. As axudas contan cun orzamento de 800.000 euros
financiados polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
A
súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior
autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu
empoderamento, e reforzar ao mesmo tempo as posibilidades dunha
posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a
súa plena integración na vida económica e social.
A contía da
subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por
cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para
sufragar durante o período de contratación as retribucións salariais
brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e
as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma
cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou
normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e
acorde coa súa categoría profesional.
Poderán ser beneficiarias
das subvencións previstas nesta resolución os concellos galegos,
mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de
agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de
Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por
concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
Para poder ser beneficiaria destas axudas a entidade deberá ter cumprido
o requisito de ter remitidas as contas do exercicio orzamentario 2017
ao Consello de Contas de Galicia.
As contratacións polas cales se
conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos
de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais e
deben ser executados polas entidades locais en réxime de administración
directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas ás que se
encomende a súa execución; a duración dos contratos sexa como mínimo de 4
meses; que se favoreza a formación e a práctica profesional das
mulleres contratadas e que a entidade local designe unha persoa de apoio
para a traballadora ou traballadoras contratadas que actúe como
profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas
traballadoras e que poderá contar pola súa vez con apoio de persoal
técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.
A presentación das solicitudes realizarase a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses, contados
desde mañá e os contratos que se realicen deberán formalizarse por parte
da entidade beneficiaria antes do 31 outubro de 2019.