A sede electrónica da Xunta abriu
o pasado 1 de xuño o prazo de presentación de solicitudes para o
recoñecemento como deportista galego de alto nivel (DGAN). Segundo a
resolución do 14 de maio de 2018, o prazo de presentación de solicitudes
estará aberto durante os meses de xuño e novembro, como acontece en
cada ano natural. Deste xeito, o prazo de presentación de solicitudes
deste primeiro proceso de xuño remata o vindeiro 1 de xullo de 2019.
No
momento actual Galicia conta con 403 deportistas galegos e galegas de
alto nivel (156 mulleres e 247 homes), dos que 10 (8 homes e 2 mulleres)
son deportistas con discapacidade, o número máis elevado desde que se
recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel, o 2004.
Tal
e como avanzou o secretario xeral para o Deporte no Parlamento de
Galicia, o decreto de alto nivel verá a luz a finais do presente ano e
neste decreto desenvolverase a Oficina de Atención ao Deportista que
“será a encargada de prestar os servizos de información, orientación e
acompañamento nos trámites que poidan necesitar os deportistas”.
A
Secretaría Xeral para o Deporte continua traballando no decreto que
desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O obxectivo é a
regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os
deportistas, adestradores e árbitros galegos que adquiran este
recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido
educativo, laboral ou económico, entre outros.