O conselleiro de Cultura e Turismo,
Román Rodríguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez,
recibiron hoxe ao peregrino 100.000 deste ano, unha cifra que nesta
ocasión se alcanza oito días antes que en 2018. Trátase de Cynthia e
Sergio Chapa, dous irmáns estadounidenses con orixe mexicano que
percorreron a Ruta Xacobea desde Saint-Jean-Pied-de-Port.
“Desde
hoxe, ambos son un máis de nós porque a experiencia xacobea e o paso
pola nosa terra é algo que marca para sempre”, declarou o titular de
Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, quen salientou que máis aló dos
números, “o importante é que as cifras teñen nome e apelidos, teñen unha
historia e dan forma a un relato que deixa a súa pegada en Galicia”.
Como reflexionou, “isto nos enche de orgullo, nos abre ao mundo e nos
amosa a dimensión do que somos capaces de acadar”.
O Camiño de
Santiago, que en 2018 acadou o seu récord de peregrinos, está este ano
un 13% por riba das marcas de hai un ano, consolidando o crecemento fóra
dos meses de verán. Como expuxo o conselleiro, a revitalización da Ruta
Xacobea é un dos factores que está a influír neste feito, pois o 66%
dos peregrinos son estranxeiros. Tamén a mellora dos distintos trazados
xa que preto da metade deles chegaron a Santiago de Compostela por un
itinerario distinto ao Camiño Francés.
Preparativos do Ano Santo
Durante
o acto no que se entregou a Compostela conmemorativa, Román Rodríguez
salientou que o Camiño de Santiago é un éxito compartido, posible grazas
a implicación dos propios peregrinos e de todos os galegos. Por iso, ás
portas do Xacobeo 21, en cuxa preparación a Xunta traballa intensamente
desde hai tempo, afirmou que esta suma segue sendo necesaria para
seguir facendo historia. “Será un evento transversal no que traballamos
para conseguir resultados permanentes para Santiago, para Galicia e para
todo o conxunto do Estado”, apuntou o conselleiro.
Como subliñou o
conselleiro, que estivo acompañado pola comisaria do Xacobeo 21,
Cecilia Pereira, o obxectivo é que o Camiño de Santiago “chegue ao Ano
Santo na súa mellor versión e que esta se manteña tamén a partir do 1 de
xaneiro de 2022”. Para iso, a Xunta avanza no Plan Estratéxico do
Xacobeo 21, cun proceso participativo no que implica xa a máis de 600
persoas e que está aberto a toda a sociedade. Con esta finalidade, o
Goberno autonómico acaba de abrir unha nova canle (estratexiaxacobeo2021.gal)
onde calquera galego ou peregrinos poden facer as súas propostas para a
celebración. Esta vía súmase á convocatoria aberta de proxectos O Teu Xacobeo,
próxima á súa resolución e que “encherá Galicia de iniciativas xacobeas
cofinanciadas pola Xunta que foron propostas polos propios galegos”.
O
Plan Estratéxico do Xacobeo 21 será a folla de ruta da celebración, que
marcará oportunidades e obxectivos. Neste contexto, Román Rodríguez
puxo en valor medidas xa en marcha como a aprobación dun investimento de
15 millóns de euros para garantir que todas as rutas estean en perfecto
estado. Tamén a ampliación e actualización da rede de albergues, a
preservación e rehabilitación do patrimonio, a seguridade viaria, a
divulgación ou a implicación dun amplo número de axentes.