O presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, informou hoxe no Consello da Xunta da próxima licitación
dun servizo que garanta que toda a poboación galega dispoña de servizos
financeiros básicos no seu concello. “Tratase de dar solución a un
problema que se está detectando nas zonas do rural”, abundou.
Así,
para que os veciños poidan efectuar xestións básicas como a retirada e
ingreso de cartos en efectivo, a actualización de cartillas bancarias ou
o pagamento de recibos, instalarase un caixeiro automático nos
municipios que non conten con oficinas bancarias. Unha medida da que,
polo momento, se beneficiarán 41 concellos que actualmente carecen dunha
entidade de crédito, 25 na provincia de Ourense, 10 na Coruña, 4 en
Lugo e 2 en Pontevedra. Son o 13% do total e neles residen 52.000
galegos e galegas, dixo.
Ademais, Feijóo explicou que este
contrato, que se sacará a concurso público, incluirá outros dous
servizos, un de asistencia financeira ao cidadán para solventar dúbidas
de xeito presencial e outro de formación en banca electrónica para os
cidadáns interesados en adquirir esas habilidades.
Para tal fin,
subliñou, abordarase a dita cuestión coa Federación Galega de Municipios
e Provincias, unha vez que queden conformadas as corporacións locais.
Aspectos como as condicións nas que se desenvolverá o servizo ou a
colaboración que prestará cada municipio. En todo caso, puntualizou,
será necesario que os gobernos locais dean a súa autorización a través
da sinatura dun protocolo de adhesión entre o concello e a Xunta.
O
presidente da Xunta concluíu a súa intervención subliñando o carácter
pioneiro desta iniciativa que redundará nunha mellor calidade de vida
para os veciños que residen neses municipios e que non terán que
desprazarse para realizar as súas xestións bancarias básicas.