A Coruña | Pontedeume acollerá este sábado 22
de xuño a terceira edición da feira “Primavera no Camiño Inglés”, que volverá a
reunir aos dezaoito concellos polos que discorre este itinerario xacobeo nun
gran evento organizado pola Deputación da Coruña co obxectivo de promocionar os
múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta
ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.
O acto será inaugurado ás 12.00
horas polo presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González
Formoso, e polo alcalde de Pontedeume e deputado provincial, Bernardo Fernández
Piñeiro, e contará coa asistencia de alcaldes e concelleiros dos municipios da
provincia polos que discorre este itinerario xacobeo.
Unha gran carpa no parque da Alameda
de Raxoi acollerá os dezaoito postos nos que os concellos polos que pasa o
Camiño Inglés (Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne,
Betanzos, Abegondo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Carral, Mesía, Ordes, Oroso e
Santiago) darán a coñecer a súa variada oferta turística con diferentes
actividades que incluirán actuacións musicais, mostras de artesanía
tradicional, showcooking en vivo e degustación de distintos produtos típicos
coma a tortilla de Betanzos, o pan de Neda, as troitas de Oroso, o queique de
Ordes ou a proia de Pontedeume, ofrecendo aos visitantes un completo percorrido
gastronómico polos sabores máis característicos do Camiño.
Durante a xornada levaranse a cabo
tamén visitas guiadas polo Concello de Pontedeume e diversos obradoiros para
nenos e nenas. A feira do sábado da continuidade a
un evento que gozou de gran éxito nas dúas edicións anteriores, celebradas en
Betanzos, e a súa consolidación como unha cita anual de promoción do Camiño
Inglés, un itinerario xacobeo que ten as súas orixes na Idade Media e que o ano
pasado foi a ruta que máis medrou, rexistrando un 25% máis de peregrinos.
O evento culmina ademáis unha serie
de actividades culturais e de creación artística que leva por nome “Do Camiño
Vivido’ 19” e que durante os meses de abril, maio e xuño percorreu numerosos
concellos do Camiño.Departamento de comunicación