A portavoz nacional, Ana Pontón,
expresou “a máxima preocupación” pola situación de ALCOA despois do
“espectáculo vergoñento” desta fin de semana, que deixa no aire a opción de
venda ao fondo de investimento PARTER.
“Son 400 familias pendentes dun fío ante unha Xunta de Galiza e un Goberno
central que non estiveron á altura”, indicou en rolda de prensa, “e o que vimos
esta fin de semana fala da incompetencia política de ambos que están poñendo en
perigo non só centos de empregos senón tamén un sector estratéxico como é o da
produción de aluminio”.
Por iso, o Bloque fai un chamamento “para que se tomen en serio o futuro de
ALCOA e se poñan a traballar porque ambas administracións teñen
responsabilidades e estamos na conta atrás”. Pontón sinala que só hai dúas
solucións: ou se consolida a venda a PARTER,
-garantindo o emprego e con perspectivas de futuro-, ou en caso contrario o BNG
insiste na opción da intervención pública.
“Non se pode permitir o peche e a intervención é nunha solución legal que
nin Goberno central nin autonómico poden desbotar para garantir que a planta
segue funcionando na Coruña”, recalcou, “é unha responsabilidade que teñen
sobre a mesa e nin a Xunta nin o Executivo do Estado poden seguir xogando co
futuro deste país”.
Pontón tamén reiterou a súa sorpresa polo feito de que ningún deputado ou
deputada electa por Galiza teña vinculado o seu apoio á investidura de Pedro
Sánchez como presidente do Goberno ao feito de encontrar unha solución de
futuro para a factoría de ALCOA, que interpreta como unha mostra máis da
irrelevancia política a que conducen a este país as forzas estatais. E volveu
pedir que poñan os intereses de Galiza por riba das conveniencias partidistas. Departamento de comunicación