A comunidade galega acaba de despedir un
dos meses de xuño máis fríos e atípicos das dúas últimas décadas.
Segundo o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, que compara
os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado cos valores medios do
período climático de referencia 1981-2010, xuño caracterizouse por ser
un mes moi frío e húmido, con precipitacións algo por riba do normal.
A
esta situación contribuíron tanto as temperaturas máximas, moi frías,
como as mínimas, que se poden considerar extremadamente frías para a
época do ano. Isto provocou que, tendo en conta os datos observados nas
11 estacións máis representativas de Galicia, a temperatura media
presentara unha anomalía de case dous graos por debaixo do normal
(concretamente, -1,86º C).
Por todo isto xuño resultou en xeral un
mes moi frío, especialmente nas zonas máis ao sur da comunidade, ata o
punto de que hai que remontarse ao ano 1997 para atopar o precedente
máis próximo cunha anomalía das temperaturas maior. Polo que
respecta ás precipitacións, xuño pode considerarse húmido no conxunto de
Galicia, cun 16% máis de chuvia acumulada do agardado.
En todo caso, os
valores rexistrados nas estacións meteorolóxicas máis representativas
da comunidade quedaron lonxe dos do ano pasado, xa que no mesmo período
de 2018 chovera un 108% por riba do normal. A tónica xeral ao
longo de todo o mes foi o predominio das baixas presións asociadas á
presenza de sucesivas borrascas no Atlántico. Isto traduciuse en moitos
días anubrados, con temperaturas baixas e inferiores ao que cabería
agardar nesta época do ano pero con poucas precipitacións.
O
episodio máis salientable durante este período foi Miguel, unha borrasca
moi profunda de tipo explosivo que pasou moi preto da comunidade a
principios de mes. Os ventos asociados á mesma obrigaron a dar avisos de
nivel laranxa e a entrada de aire frío viu acompañada de chuvascos que
mesmo se manifestaron en forma de neve en zonas de montaña das
provincias de Lugo e de Ourense.