O BNG arranca a preparación do
10N coa aprobación das persoas que encabezan as candidaturas, do programa e da estratexia
electoral, convencido de que vai recuperar representación no Congreso co apoio
desa maioría social cansa da discriminación con Galicia.
Unha maioría consciente de que a solución os problemas do país non vai vir
nin do bipartidismo de sempre nin do baile de siglas dunhas forzas estatais que
demostraron ter un denominador común: “o seu pasotismo con Galiza”, en palabras
da portavoz nacional, Ana Pontón, na súa intervención ante o Consello Nacional.
A única maneira de cambiar ese guión “é
que o Goberno do Estado, -de calquera signo-, sexa condicionado por un partido
coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, que sexa
condicionado por unha forza libre para facernos valer como país sen pedirlle
permiso a ninguén, para construír unha Galiza cun futuro mellor na que vivir e
traballar. Esa forza política foi, é e será sempre o Bloque Nacionalista Galego”,
proclamou.
Por iso, Pontón mostrouse segura da volta ao Congreso co apoio dunha
cidadanía que vai aproveitar a repetición electoral para recuperar voz propia
no Estado. “O 28A,
tras duplicar votos, quedamos ás portas de obter representación, pero este
10N témolo ao alcance da man, na punta
dos dedos, porque estamos convencidas que a xente deste país tomou boa nota do pasotismo con Galiza, tomou boa nota da inutilidade das forzas
estatais que xogaron co seu voto, e vai apostar polo BNG para ter unha voz propia en Madrid que
defende os seus intereses ante o Goberno do Estado”, argumentou.
A líder nacionalista fixo un
chamamento a toda a cidadanía “cansa da frivolidade, da inutilidade e do triste
espectáculo” protagonizado polos dirixentes das forzas estatais: “non teñen que
resignarse, desde o BNG demostramos que se pode facer política con altura de
miras, con rumbo claro, con unidade, cun proxecto serio, pensando no mellor
para os galegos e as galegas. Ese é o noso compromiso, iso é o que nos move”,
recalcou.
Pontón aproveitou a súa intervención
para denunciar que hoxe Galiza está desaparecida da axenda do Estado, “non está
nos debates, non está nas negociacións, nos proxectos, nas inversións”, unha
situación que vai mudar a partir do 10N. “Ese día todas as persoas cansadas de
tanto ninguneo e de tanta tomadura de pelo van optar polo BNG, tras constatar
que sen o BNG no Congreso, Galiza perde. Hoxe, unha
maioría ten claro que con subordinación ao Goberno de turno non se gana nada,
ten claro que precisamos menos Madrid e máis Galiza se queremos conquistar un
futuro mellor para este país”, recalcou, tras facer un chamamento á
mobilización.
“Á militancia,
simpatizantes, activistas sociais que queren que Galiza conte, hai que
implicarse e mobilizarse porque temos ao alcance da man darlle voz propia desde
o Congreso a este país o próximo 10 de
novembro”, concluíu.
Candidaturas solventes
Na súa intervención, a líder
nacionalista puxo en valor a fortaleza dos
e das cabezas de cartel do BNG, que combinan solvencia, experiencia e
renovación. Mudan os cabezas de lista ao
Congreso polas provincias de Ourense e Lugo. No primeiro caso, por razóns
persoais de dispoñibilidade do que fora candidato o 28A, Iago Tabarés, que
quixo igualmente ratificar o seu compromiso co proxecto do BNG pechando unha
lista que pasa a liderar Francisco García, ex alcalde de Allariz, e un dos
políticos de maior prestixio e traxectoria.
No caso de Lugo, a formación
nacionalista aposta por Olalla Rodil, actual viceportavoz parlamentaria,
despois de que o gran resultado electoral obtido polo BNG na cidade de Lugo
levase a Maite Ferreiro a formar parte do equipo de goberno municipal e a
asumir a vicepresidencia da Deputación. Departamento de comunicación