El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Cartas al Director

Ferrol acollerá a proxección o venres dun documental sobre Reganosa coincidindo coa chegada dun novo gaseiro

Mabel Rivera e Enrique Banet recollen as posicións dos implicados no conflito

23-05-2007

Coincidindo coa entrada do segundo buque gaseiro na ría de Ferrol, prevista para o venres, o Salón do Vicerreitorado do Campus de Ferrol acollerá ás 20 horas a proxección do documental "O salario do silencio". A produción independente realizada pola actriz Mabel Rivera e Enrique Banet, socios na produtora Namche Films, convida á reflexión sobre os posibles intereses dos implicados na instalación da planta de Reganosa na ría de Ferrol. "A planta non creou tantos postos de traballo como dicían nin repercutiu na riqueza das xentes do entorno, senón que creou feridas dentro das propias familias", cuestionou Mabel Rivera nunha conversa telefónica con AGN. Banet e Rivera emprenderon o proxecto o pasado mes de abril tras varios anos de seguir o conflito da ubicación da planta regasificadora en Mugardos e comprobar "o silencio cómplice dos medios" ao respecto. O documental naceu para ofrecer "unha información o máis variada e contrastada posible" e así "paliar o baleiro" de información sobre a "contaminación sistemática" da ría de Ferrol. Ao longo do mes que durou o proceso de recompilación de información, gravación e montaxe, os acontecementos "se precipitaron", chegando a gravar a entrada do buque 'Galicia Spirit' na planta regasificadora de Mugardos. "Iso foi só un paso máis dentro dunha cantidade de despropósitos", indicou a actriz e realizadora, quen asegura que os procesos abertos contra a instalación da planta de Mugardos darán pé a novas entregas documentais. Representantes do Comité Cidadán de Emerxencia da Ría de Ferrol, organizacións ecoloxistas, organizacións políticas, varios concelleiros implicados, científicos da universidade, expertos en buques gaseiros e en emerxencias, avogados e o alcalde de Ferrol, Juan Juncal, expoñen os seus posicionamentos sobre a instalación da planta de Reganosa en Mugardos no documental, dunha hora de duración, e que conta con material gráfico propio. Trala proxección no Campus de Ferrol, a produtora comezará a distribuír o DVD para "lograr a máxima difusión", xa que "estamos nun momento de inflexión sobre o futuro da planta". Sostibilidade "A nosa preocupación básica é a sostibilidade e o medio ambiente", explicou a AGN Mabel Rivera, como produtora en Namche Films. A empresa realizou o documental 'Destino Kala Pattar: ós pés do Monte Everest'. Agora está a preparar unha serie documental sobre a comunidade sherpa no Himalaya e unha película que mestura ficción e documental sobre os modelos de vida do Tíbet. Namche Films proxecta un documental relacionado coa natureza, ambientado en Galicia.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias